Neste percorrido dun día en coche (uns 50 km desde Ferrol) podemos coñecer unha parte das Mariñas ártabras, no NO galego. Ben desde Ferrol ou ben desde Vilalba e As Pontes, pola AG-64 chegamos a San Sadurniño, onde o vello Pazo dos Marqueses de Figueroa foi reformado para sede do concello.
Templarios
Ao outro lado da estrada está a Igrexa de Sta. María e o antigo Convento do Rosario, que en orixe foi hospital e igrexa dos Templarios no s. XIII. Logo foi convento agostiño promovido por Fernando de Andrade e Inés de Castro, pasou despois aos franciscanos e desde 1570 aos dominicos ata a desamortización de 1835.
O claustro e a igrexa que hoxe vemos rematáronse en 1755 e neles mestúranse elementos góticos, barrocos e neoclásicos. Desde o cruceiro e o hórreo do adro chégase a unha fonte por unha escaleira de 50 chanzos feita polos dominicos en 5 tramos de 10, coma o rosario.
Castelo de Moeche
Entre Castelos
Desde aquí, unhas estradiñas sinalizadas levan ao Castelo de Naraío, erguido sobre penedos nunha espléndida paraxe natural do río Castro. Os tres muros perimetrais convertíano nun edificio inexpugnable, cun grande alxibe de auga que se conserva no interior da torre. Foi da liñaxe dos Piñeiro e logo dos Andrade e sufriu as dúas guerras Irmandiñas, para pasar despois á Casa de Alba, actual propietaria, que o cedeu ao concello por 30 anos.
Cara ao norte, imos ata o Castelo de Moeche (na parroquia de San Xurxo), fortaleza vinculada tamén aos Irmandiños, tanto na historia de antes (foi o primeiro que atacou Roi Xordo en 1431). Nel celébrase desde 1980 o Festival lúdico-musical Irmandiño. Construíuse no s. XIV e vincúlase ás liñaxes dos Osorio e dos Enríquez-Castro de Lemos e foi derrubado na loita irmandiña de 1467. Na súa curiosa planta poligonal advírtense varias etapas construtivas e a parte oeste vese defendida cun foxo escavado na rocha, ao que abren dous portelos. No lado contrario está a entrada defendida cun baluarte apegado co fin incrementar a defensa e controlar o amplo contorno. Atravesando a cadrada torre da homenaxe, unha das partes mellor conservadas, accédese ao patio de armas, ao que dan as catro estancias que conforman o conxunto. Nunha delas consérvase unha escaleira helicoidal de cantería para acceder ao adarve e no exterior vense dous escudos de armas.
Castelo de Naraío
Para rematar no mar de Cedeira
Poderemos xantar en Moeche ou ben ir ata Cedeira, vila con historia documentada xa no s. XIV e sempre vinculada á actividade pesqueira de baixura e de altura. As rúas con galerías flanquean o río Condomiñas, un dos que conforman a espallada ría de Cedeira. É de resaltar a igrexa de Santa María, de estilo gótico tardío, construída en 1450 , así como algún cruceiro urbano e o amplo porto pesqueiro. Hai que dar unha volta para ver o que queda do Castelo da Concepción, unha típica fortificación costeira dos séculos XVII e XVIII, e do outro lado da vila, polo Castro da Punta de Sorribal, nunha impresionante paraxe que en escavacións recentes ofreceu o achado dunha completa sauna castrexo-romana.