Indo pola A-52 e deixando Allariz para outra ocasión, tomamos o desvío cara a Sandiás, onde podemos ver o pouco que queda da súa Torre (tan só dúas grosas paredes da súa torre de homenaxe) erguida sobre un antigo castro, pero que destaca sobre a chaira da Limia, ó igual que as outras tres (a da Pena, a de Porqueira e a de Celme) case da mesma época e función nas liortas medievais entre os nobres galegos e os portugueses, e mesmo dos ingleses coma o Duque de Lancaster no século XIV. Tamén se viu afectada polas guerras Irmandiñas e logo foi, sucesivamente, dos señores de Maceda, dos condes de Benavente, dos marqueses de Viana e dos condes de Monterrei.
Entroio en Xinzo de limia
Moito máis fácil de chegar está a igrexa de Sto. Estevo de Sandiás, erixida en 1520 nun estilo gótico tardío xa con influencias renacentistas do manuelino portugués, sobre todo na súa portada, mentres que a torre é moito máis sobria. O seu retablo maior, do s. XVII, ten obras do coñecido escultor Francisco de Moure.
Chegamos moi logo a Vilar de Santos, capital do concello do mesmo nome, pequeno en extensión pero moi activo en accións socio-culturais.
Torre de Sandiás
Igrexa de Vilar de Santos
Un dos exemplos desas accións é o Museo da Limia, creado en 1992 e que acolle unha boa colección etnográfica na antiga casa reitoral, que quizais foi antes Hospital da Orde Militar de Santiago. O Concello xestiona o funcionamento do Museo, mentres que un Padroado, cun amplo Consello Asesor, promove e organiza a actividade cultural, viva e aberta. Acolle tamén os artesáns da asociación Limiar, que fan obradoiros e expoñen aquí as súas pezas, pois este Museo é un foro de encontro da sociedade civil limiá.
Museo da Limia Vilar de Santos
A Limia é un territorio singular, cunha definida tradición agropecuaria, modificada hai medio século pola desecación e canalización da lagoa de Antela, feitos dos que se informa nunha sala do Museo, que ofrece unha síntese da realidade campesiña, así como dos oficios e tarefas que marcaron a vida dos limiaos, coma os cultivos do centeo, o liño e a pataca.
Museo da Limia sala da Lagoa de Antela
Outra sala dedícase ós oficios con maior tradición na Limia: os canteiros, os ferreiros e os carpinteiros, e noutra atopamos unha visión da conformación da sociedade tradicional do rural galego, cunha marcada diferenza entre os donos da terra e os labregos.
Un patio recrea o lugar onde os campesiños gardan os apeiros de labranza, transmitindo a importancia dos cultivos e da gandería na historia destas terras, ó igual que noutro ámbito se mostran os elementos que conforman a vida nunha casa limiá, coas súas estancias principais: a cociña coa lareira e o cuarto de durmir co leito e o enxoval. Pódese admirar tamén aquí unha completa mostra da historia, os útiles e as tarefas do liño, tan importante nesta comarca ó longo de varios séculos.
O museo conta cunha biblioteca que axuda a facer del unha proposta moderna e dinámica ó servizo do pobo e de investigadores e curiosos.
Sta, Cruz de Trandeiras portada
Se temos tempo e vagar podemos achegarnos á veciña aldea etnográfica de Saa, rehabilitada de xeito didáctico (‘Sapere Aude’) como sinal identificativo deste concello.
Torre da Pena na Limia
Sta. Cruz de Trandeiras claustro
Algo máis adiante está Sta. Cruz de Trandeiras, coa igrexa e os restos dun antigo mosteiro do Bo Xesús fundado por cabaleiros portugueses pola devoción ó Bom Jesús da Lima, aínda que logo pasou á Orde dos Franciscanos ata a exclaustración de 1837. O conxunto foi construído en varias fases desde 1523 a 1669, e destaca a súa fachada cunha portada en gótico tardío manuelino portugués, así coma o que queda do claustro do s. XVI de vistosos arcos carpaneis, amais de interesantes restos dunhas curtidorías do s. XVIII.
Desde aquí e volvendo atrás, aínda podemos facer unha parada en Xinzo de Limia, a Civitas Limicorum galaico-romana, aínda que hoxe, ademais de ser o núcleo principal da comarca limiá, tamén ten sona polo seu Entroido.