Polas terras do Ribeiro: o Mosteiro de San Clodio
Podemos ir desde Ourense ou ben desde o norte, pasando a rentes das interesantes igrexas románico-góticas de San Facundo de Cea e Santa María de Gomariz, e así chegamos a Leiro, onde vemos a ponte medieval de San Clodio, que cruza o Avia nunha vizosa paraxe cos seus tres esveltos arcos apuntados. Aquí desviarémonos ata o Mosteiro de San Clodio, que chegou a estar en ruínas case totalmente, pero que hoxe está reconstruído con fins hostaleiros. Ten unha longa historia desde a súa fundación no século X (ano 928?), pero sufriu unha ampla evolución construtiva relacionada coas diversas ordes relixiosas que o ocuparon. Así, a anexión ao Císter en 1225 supuxo a reconstrución do mosteiro orixinal, coa súa igrexa (da que queda unha sobria portada) e un claustro medieval apegado a ela. Logo, a entrada na Congregación beneditina de Castela en 1530 marca outra etapa de prosperidade igualmente vinculada á explotación agraria (maiormente vitivinícola), coa reconstrución dos dous claustros, renacentista e barroco, coa erección da torre da igrexa e da bóveda das naves. Logo da Desamortización de 1837 foi abandonado, ata que en 1890 volveron temporalmente os monxes bieitos. A partir do ano 2000, que comeza a súa rehabilitación completa, pasará a ser, seica, o primeiro Hotel-Monumento de Galicia.
Ponte de Leiro
Volvemos a Leiro para coller a estradiña que comeza a subir cara á Serra do Faro de Avión, pero antes temos que parar na igrexa románica de San Tomé de Serantes, construída en 1170 segundo unha inscrición no lintel da porta e que ten unha boa fachada con rosetón e tornachoivas, con arquiños de gran finura e unha estupenda colección de capiteis e de canzorros, varios deles de tema erótico.
Avión, o “México galego” e moito máis
Por unha estrada de montaña e albiscando xa o alto val do Avia, que aquí vai encorado pola presa de Albarellos, chegamos á actual capital do concello de Avión, no lugar do Igrexario ou San Xusto, onde vemos unha igrexa cunha singular e moi decorada fachada barroca feita entre o séculos XVII e XVIII.
Este concello de Avión, onde hai sitios para xantar, ten sona, sobre todo, por ser o que se deu en chamar “o México galego”, debido á cantidade de grandes mansións, descomunais e descontextualizadas a maioría das veces, feitas polos emigrados que fixeron fortuna en Centroamérica, coma os irmáns Vázquez Raña.
S. Clodio de Leiro, claustro
Desde a capital municipal, seguimos polas elevadas terras da Serra do Faro de Avión, nunha das maiores alturas de todo o occidente galego, case en paralelo ao río Tea, que é o que vai logo por Mondariz e Ponteareas. Deixando ao leste (á nosa esquerda) o cumio de 1155 m, comezamos a baixar, xa no concello do Covelo, ata San Salvador de Maceira, que nos ofrece un senlleiro e traballado cruceiro na beira da estrada, datado en 1826 e con figuras de gran calidade no remate e no fuste, como uns Adán e Eva, que Castelao debuxou na súa monumental obra As Cruces de Pedra na Galiza.
Pasado Maceira apartamos á dereita para subir ata o núcleo rural de San Miguel de Fofe, que ten certo interese etnográfico, pois podemos admirar os seus lousados de pedra e termos, ao abeiro da Reitoral do século XVII, unhas vistas espectaculares sobre o val do Tea, cruzado aquí por unha vella ponte, cando menos, medieval.
Sto.Tomé de Serantes, detalle porta
Rematando a ruta en Santa María de Melón
Desde aquí volvemos cara atrás para seguir serpeando ata A Cañiza, desde onde collemos a vella estrada N-120 ata Santa María de Melón para ver o que queda do seu grande mosteiro da Orde do Císter, dotado en 1142 polo rei galego Afonso VII e que foi perdendo importancia a partir do seu paso á Congregación de Castela a principios do século XVI. Da igrexa románica queda tan só parte do cruceiro e a cabeceira, pois o resto vendeuse a pedra solta a fins do XIX, din que para facer a igrexa da Cañiza. Aínda así, os restos das capelas absidais, de plantas e alzados ben diferenciados, e igualmente a xirola ou deambulatorio, similares ás do mosteiro de Oseira, son de gran interese. Os seus dous grandes claustros están en parte arrombados e en parte reconstruídos, agardando desde hai anos unha profunda restauración e rehabilitación.