Propoñemos nesta ocasión coñecer as terras de Boborás, no val do río Arenteiro, cun percorrido dun día, achegándonos desde o concello lindeiro do Carballiño (na N-541, de Pontevedra a Ourense), onde podemos parar para ver, de camiño, o singular e orixinal templo da Veracruz, do arquitecto galego Antonio Palacios.
Os encantos do románico
Comezamos visitando a pequena, pero preciosa, igrexa románica de S. Xulián de Astureses, lugar quizais vinculado a comerciantes ou repoboadores asturianos. Fundada pola Orde do Temple no século XII, esta igrexa é digna de admirar pola sinxela pero marabillosa proporción das súas formas, coa súa portada con tres arquivoltas e un beirado con canzorros decorados, e unha cabeceira semicircular con tres fermosas ventás. Ademais da porta norte, tamén románica, garda o sartego de Frei Xoán Pérez de Outeiro, do ano 1286.
Ábsida de Astureses
Portada da igrexa vella de Moldes
Ábsida de Astureses
Imos logo ata a carballeira de S. Mamede de Moldes para subir á moi agradable paraxe da igrexa vella, outro moi bo exemplar do románico rural e tamén de orixes templarias; ten ábsida de planta rectangular e no interior, nunha capela de 1638, hai restos dun baldaquino de comezos do s. XVI con arcos conopiais e escenas da Paixón de Cristo. No mesmo lugar, que foi un castro e onde houbo restos dunha torre, tamén se pode ver un bo cruceiro.
En Moldes están os panteóns onde repousan os restos do erudito historiador e arqueólogo Manuel Chamoso Lamas e do escritor e político Antón Losada Diéguez. O pazo familiar deste último está vinculado ós Tizón e ós Bóveda de Limia e documéntase desde fins do s. XVI, aínda que a construción actual é do XVIII e XIX.
Portada da igrexa vella de Moldes
Non lonxe quedan a igrexa e o castro de Cameixa, outro lugar de interese que xa chamou a atención de varios persoeiros ourensáns da Xeración Nós e que está volvendo ser escavado.
Para xantar por estas terras de Boborás, temos, entre outros, o establecemento de turismo rural do Pazo da Almuzara, nun edificio de certos trazos modernistas.
O balcón do Ribeiro
Pola tarde seguimos a nosa xeira pola interesante parroquia (do Carballiño) de Sta. Eulalia ou Baia de Banga, tratando de ver o exterior do seu Pazo dos Quiroga, no que viviu unha tempada (por razóns de casamento) Emilia Pardo Bazán, e que definiu como “o balcón do Ribeiro”, para poñelo como escenario da súa novela El cisne de Vilamorta. A igrexa parroquial barroca de Banga destaca, sobre todo, por conservar na súa bóveda central unhas espléndidas pinturas murais renacentistas datadas en 1550, que mostran a Cristo entre os apóstolos e que contén unha moi curiosa representación do planeta Terra.
Río Arenteiro en Pazos
Pero temos que deixar tempo para unha demorada visita, de novo en Boborás, ao conxunto histórico-artístico (declarado así en 1973) de Pazos de Arenteiro que, como indica o nome, ofrece varias mostras de arquitectura pacega dos s. XVI ao XIX, arredor dunha igrexa románica que foi dun mosteiro da Orde militar de Malta. Nas estreitas rúas situadas á beira da ponte sobre o Arenteiro, sobresaen o Pazo de Arriba, ligado á liñaxe dos Cervela e adornado cunha gran balconada, e o Pazo dos propios Cervela, con notables adornos heráldicos barrocos.