Santa María de Iria Flavia
A actual igrexa de Sta. María data dos s. XVI e XVII, pero as orixes de Iria remóntanse á época galaico-romana, cando era un importante núcleo viario e comercial.
Daquela época e da primitiva basílica dos tempos paleocristiáns e xermánicos hai datos arqueolóxicos, pero foi a incursión de Almanzor, no s. X, a que quedou plasmada nos documentos altomedievais. Logo das reconstrucións feitas no s. XI polos bispos Cresconio e Diego Peláez, a sé de Iria trasladouse a Compostela por mor da inventio (’descubrimento’) xacobeo, ata que Xelmírez, no s. XII, decidiu devolver a Iria parte do seu pasado coa fundación dunha Colexiata a xeito de segunda sé compostelá, aínda que logo, en 1851, Iria quedou reducida a parroquia.
A igrexa que no s. XIII substituíu ás anteriores era de grandes proporcións, con tres naves e tres ábsidas semicirculares, do que queda tan só a monumental portada principal, de estilo gótico. O templo actual, construído entre os s. XVI e XVII, é de planta rectangular, con tres naves e un presbiterio cuberto por bóvedas de aresta. No s. XVII engadiuse na ala sur a capela do Bispo de Quito, Alonso de la Peña y Montenegro, obra do arquitecto Melchor de Velasco, co mausoleo do prelado con escultura orante. Na capela maior consérvanse o sepulcro coa estatua xacente do arcebispo Rodrigo de Luna (1450-1460) e un sartego pétreo que, di a tradición, contén os restos do Corpo Santo, un bispo iriense obxecto de gran devoción.
Formando parte do extenso adro está o cemiterio, chamado tamén “de Adina”, que inmortalizou Rosalía de Castro. Nel queda unha placa que perpetúa o lugar onde estivo enterrada a poeta ata o seu traslado á igrexa compostelá de San Domingos de Bonaval. Neste camposanto repousan os restos do escritor padronés Camilo José Cela, que ten dedicada unha Casa-Museo do outro lado da estrada.
Colexiata de Iria Flavia
Por Herbón e Padrón
Desde Iria chegamos logo a Herbón para ver o convento franciscano de Santo Antonio, fundado no 1396 nun terreo doado, entre outros, polos cóengos da Colexiata de Iria. Aínda que os frades xa se instalan alí desde aquela data, o actual convento foi reconstruído no 1786, como alí mesmo indica unha fonte cun franciscano orante. Situado case ao fondo dunha rampla e unha escaleira, vese a sobria fachada coa súa torre-campanario. No interior destacan as tallas barrocas do escultor galego José Gambino e conserva o retablo maior de Benito Collazo, tamén do s. XVIII. A historia conta que foron os franciscanos os que trouxeron de América a planta dos afamados pementos de Herbón.
Xa en Padrón, podemos comezar subindo a costiña que leva desde a igrexa de Santiago (co famoso “pedrón”) e a ponte sobre o río Sar ata o impoñente convento do Carme, que foi primeiro dos Carmelitas Descalzos e logo dos Dominicos; é unha boa mostra do Neoclásico galego de comezos do s. XVIII, ademais dun bo miradoiro sobre a vila. Preto queda o monte San Gregorio, coa vizosa área do cruceiro de Santiaguiño do Monte.
En Padrón ou na contorna hai sitios abondo para xantar e despois achegarémonos ao lindeiro concello de Rois.
Convento de Herbón
Os tesouros de Rois
En Oín está o Pazo de Antequeira construído no s. XVIII sobre unha casa do s. XV. Ten tres corpos, o do centro cunha solaina á que se accede por unha fermosa escaleira de pedra con balaustrada. Parece que o pazo se fixo co ouro traído de México e a súa traza é un bo exemplo do noso esplendoroso barroco. O interior garda interesantes pezas e o xardín ten numerosas especies. Xunto ao pazo atópase a capela de San Xoán Nepomuceno, de grande interese arquitectónico, abovedada e cun relevo do santo na súa fachada.
A chamada Casa do Bispo, en Seira, é hoxe a casa-estudo-museo do escultor Camilo Seira. É un vello pazo do s. XVII, con varios edificios anexos moi interesantes, un belo cruceiro e unha extensa facenda con carballos atravesada por un río onde a roda do muíño volveu moer. A Casa do Bispo esconde mil historias que alí che poderán contar, indo do oratorio ao agarimoso patio interior, con apeiros e produtos do campo.
Sartego altomedieval en Iria
Podemos rematar a xornada vendo o interesante Vía Crucis de Sorribas, un conxunto de catorce cruces e un cruceiro; as primeiras son todas elas da mesma feitura, mentres que o segundo presenta unha cruz cuadrangular, de brazos con chafráns e capitel figurado, asentada nun pedestal onde aparece a data de 1698. A igrexa ten un moi curioso remate.
E se houber tempo de vagar (e se non, quedaría para outra viaxe), non lonxe queda o Pazo do Faramello, a ponte de Francos no Camiño Portugués e o impoñente Castro Lupario.