A comarca de Parga ou, o que vén sendo case o mesmo, o concello de Guitiriz son terras ocupadas desde tempos moi antigos, a teor do que sabemos polos restos coñecidos do período epipaleolítico e do megalitismo, así como, xaora, do mundo castrexo e galaico-romano, con moitos achados epigráficos (probablemente por mor do paso da vía romana XX e pola abundancia das augas termais), como é o epitafio pétreo dun tal Aulus Parraqus, o primeiro antecesor da liñaxe dos Parragués, que se citan logo nos documentos medievais.

Para empezar: Vilares e Vilariño

Pola súa situación, a Guitiriz chégase doadamente desde calquera zona de Galicia e unha vez alí collemos cara ao norte en dirección aos Vilares e, se temos vagar, podemos parar primeiro no Pazo de Camarasa, que conserva unha capela de 1650 e o escudo do marquesado coas armas dos Miranda, Pimentel, Castro, Saavedra e Parga, entre outras.

Logo seguimos ata San Vicenzo dos Vilares, que nos ofrece no espazo entre a igrexa e o casarío un interesante calvario de tres cruceiros, do afamado obradoiro chairego dos canteiros vilalbeses de Santa Eulalia de Román, de fins do s. XIX e comezos do XX.

Casa de Xose Mª Díaz Castro no Vilariño dos Vilares
Casa de Xose Mª Díaz Castro no Vilariño dos Vilares

Preto de aquí queda o lugar de Vilariño, coa casa de Xosé M.ª Díaz Castro, gran poeta que xa tivo o seu Día das Letras, en boa medida polo esforzo de quen foi o seu amigo e principal mentor e difusor da súa obra, Alfonso Blanco, o de Xermolos (xunto con Manuel María e cos músicos Mini e Mero).

Desde O Vilariño dos Cregos, seguimos ata o conxunto do igrexario de San Pedro do Buriz (o Oborici altomedioeval), cun típico cemiterio neogótico e con outro calvario de tres cruceiros dos canteiros de Román, así como restos romanos (unha ara aos Lares Viales) e medievais (un enigmático relevo), aos que habería que engadir nesta parroquia outros moitos xacementos prehistóricos, megalíticos e castrexos.

Por suposto, en toda esta comarca atoparemos sitios onde xantar -e ben-, sexa en Guitiriz, por Parga ou nos Vilares.

S. Alberte de Parga
S. Alberte de Parga

Para seguir: Santa María de Labrada

En todo caso, antes ou despois de xantar, hai que achegarse ata a igrexa de Santa M.ª de Labrada, que contén unhas moi boas pinturas murais do s. XVI e XVII, con moi curiosas e expresivas escenas, que por fin puideron ser restauradas. É esta unha parroquia de grande actividade rural comunitaria ao pé da Serra da Loba e que tamén conta cun camposanto neogótico de altos pináculos.

Sta. Mª de Labrada
Sta. Mª de Labrada

Se tivésemos tempo, non é mala idea que, unha vez de volta á estrada de Guitiriz, nos desviemos un pouquiño ata Bascuas, para andar ata o Campo da Virxe, para ver a súa “Capela-Museo” (meritorio labor, outro máis, do cura Alfonso de Xermolos), que é de orixe medieval, ten curiosas tradicións como a da chave contra a rabia, e está nunha vizosa contorna, presente tamén na vida e obra de Díaz Castro.

Sto. Estevo de Parga. Castelo
Sto. Estevo de Parga. Castelo

Para rematar: San Alberte de Parga

Remataremos o día no núcleo de Parga, onde ben merece unha visita ao seu campo da feira, con pendellos e arborado case á beira do río, cruzado por unha ponte medieval, aínda que reformada e algo estragada, que nos achega á subida ata o vello castro onde se erixiu a igrexa de Santo Estevo, románico-gótica, pero con moita tradición anterior, polos seus achados galaico-romanos e os seus elementos prerrománicos, e ligada aos restos do castelo dos Vázquez de Parga e dos Pérez Parragués, do s. XIV, pero hoxe moi derramado.

Ponte de S. Alberte
Ponte de S. Alberte

A nosa última visita non é, nin por asomo, a menos importante, senón todo o contrario: é o impresionante conxunto de San Alberte de Parga (ou de Roca, segundo se mire), no Camiño Norte de Santiago, coa súa esvelta ponte medieval restaurada sobre o río Parga e coa igrexa dos séculos XIV-XV, de interesante ábsida coa estrela de David calada na pedra dunha ventá e cunha fachada moi posterior, a maiores da próxima e milagreira fonte do santo, avogoso da fala e centro dunha afamada romaría.