O coidado é unha constante cosmolóxica. Se as enerxías orixinarias e os primeiros elementos non estivesen rexidos por un coidado solidario para que todo tivese a súa debida proporción, o universo non xurdiría, e non estariamos aquí. Somos fillos e fillas do coidado. Se as nosas nais non nos acollesen con infinito coidado, non teriamos como baixar do berce. O coidado é a condición previa que permite que un ser veña á existencia. É o orientador anticipado das nosas accións para que sexan construtivas e non destrutivas. En todo o que facemos entra o coidado. Coidamos o que amamos. Amamos o que coidamos.

O coidado é unha actitude de relación amorosa, suave, amigable, harmoniosa e protectora da realidade, persoal, social e ambiental. O coidado é a man aberta que se estende para a caricia esencial, para o apertón de mans, dedos que se enlazan con outros dedos para formar unha alianza de cooperación e unión de forzas.

O coidado é a preocupación, inquedanza, desacougo, malestar e mesmo medo por persoas e realidades coas cales estamos afectivamente implicados e que nos son, por iso, preciosas. Este coidado acompáñanos en cada momento e en cada fase da nosa vida. Implícanos coas situacións e as persoas que nos son queridas.

O coidado é a vivencia da relación entre a necesidade de ser coidado e a vontade e a predisposición para coidar, creando un conxunto de apoios e proteccións que fai posible esta relación indisociable no persoal, no social e con todos os seres vivos. O coidado-amoroso, o coidado-preocupación e o coidado-protección-apoio están na estrutura do noso ser no tempo, no espazo e na ahistoria. Son previos a calquera outro acto e subxacen a todo o que emprendemos. Por iso pertencen á esencia do humano.

O coidado-precaución e o coidado-prevención apuntan a actitudes e comportamentos que deben ser evitados polas súas consecuencias daniñas previsibles e imprevisibles. A coidado-prevención e a coidado-precaución nacen da nosa misión de coidadores de todo ser.

O coidado está ligado a cuestións vitais que poden significar a destrución do noso futuro ou o mantemento da nosa vida sobre este pequeno e fermoso planeta. Só vivindo radicalmente o coidado garantiremos a sustentabilidade necesaria da nosa Casa Común e da nosa vida.