A lentura da terra é a humidade perfecta -nin por exceso nin por defecto- por baixo da tona aparente, ese estado que permite que a semente, por exemplo as nabiñas no final do verán ou o millo na primavera, sobrevivan e xermolen. Na montaña oriental (dinos Francisco Díaz-Fierros) chámanlle “trempeiro”. “A terra quer lentura”, como dicía o lema convocante dunha das romaxes de Irimia. No encontro anual de “Vivimos no Rural” confirmouse que na terra lenta poden pasar moitas marabillas.

Boas novas, que xa abonda das outras

“Vivimos no rural” é unha rede que fomos tecendo, unha rede informativa e colaborativa e, sobre todo, unha rede de encontro e celebración da vida, das oportunidades e da esperanza que hai nas aldeas e parroquias rurais de Galicia.

É, xa que logo, un esconxurarnos contra a derrota, contra a mala nova, contra o pesimismo.

Estamos conectados polo whatsapp e facemos unha quedada anual itinerante e interesante. De 40 a 60 persoas… de momento. Un número perfecto. Nas edicións pasadas estivemos xa en Vilardevós, na raia seca, nos Ancares e tamén en Castro Caldelas. A deste ano foi no albergue de Arnela, no Son, con cousas bonitas que pasan nas terras da Mahía, no Barbanza, en Lousame…, cousas vividas e contadas por mulleres e homes que están entusiasmados coas oportunidades que a vida na aldea lles dá para desenvolver un proxecto de vida e seren felices.

Como dicía Carme Freire, que fixo que todo funcionase ben: “Construímos un rural distinto do añorado. Superamos o desacougo de que o de antes foi mellor e así a nosa alegría é transformadora”.

E, todo hai que dicilo, asegúrovos que fame non pasamos.

Confianza, esperanza, comunidade

Unha desas cousas é a historia que argallaron e presentaron no encontro Lola e Marité, da Baña, o proxecto “Déixate levar”. É unha idea que nace, algo que comeza, en movemento; é a idea dun turismo alternativo, entre iguais, de confianza. Un turismo que xa non se pode, afortunadamente, chamar turismo. É encontro de persoas en rede. Deixarse levar por xente que habita o rural. Amosar o territorio, a quen o habita coa súa cultura e identidade local.

Trátase, logo, de acollida e de confianza, de chegar e deixarse levar. Nas que colle todo o mundo: xente maior, xente con discapacidades, xente distinta. Como alí se dixo: “Que a confianza sexa a que conduza a nosa experiencia porque, fagas o que fagas, vaime ir ben”.

Vivimos no rural é unha rede de encontro e celebración das oportunidades e da esperanza que hai nas aldeas

Tamén estivo por alí Manolo da Roxa, representando os do foro ecolóxido do Barbanza, co seu toque libertario. O seu proxecto máis querido chámase “Horta Esperanza”. Unha horta de terras recuperadas do abandono total, levada por 5 persoas e que xa acada os 5 000 metros cadrados. E alí explicaron como facían para producir, para vender, para gañar espazos públicos… e como foron artellando un foro asembleario, tecendo, de maneira colaborativa, con outra xente que non vive no rural.

E Gelucho, de Xuño, contou tamén algo do proxecto do Instituto Galego de Terras Comunitarias, unha asociación nacente para darlles un novo valor colectivo ás terras en común, montes veciñais, pensando, sobre todo nos nenos e nenas, a xente miúda que está agora desconectada desa realidade.

A lentura fai marabillas

Na terra lenta pasan cousas estupendas. Unha delas é o que nos contou Carme Freire sobre o proxecto de produción e comercialización directa Lentura, en Ames, Dodro, Rois e Brión. No proxecto hai agora 22 casas. Tamén é un proxecto baseado na confianza.

Recuperáronse hortas que deixaran de producir a partir do cambio brusco das redes de comercialización e a invasión de produto foráneo de horta intensiva e multisulfatada. Como alternativa, preséntase un produto san e de proximidade.

Conseguiron consolidar un grupo estable, organizado, onde conviven a eficacia e a amizade. Ofertan carne, lácteos, conservas, patés, licores, froita e verdura, doces e pan. E funcionan polo whatsapp.

Foron logrando fitos importantes: co apoio do concello de Ames e as AMPAS introduciron o seu produto de proximidade nos comedores escolares. Pero é algo integral: inclúe sensibilizar a rapazada e a comunidade educativa sobre estes temas: hortas escolares, nutrición, xornadas de degustación…

Como a cousa foi indo, amplíanse os horizontes. Neste momento hai en marcha, en colaboración co concello de Brión, o proxecto “Daquí darredor”. Dora explicounos como o concello pon á disposición dese proxecto un gran local nas proximidades do centro comercial Monte Balado para crear un centro comunitario, colaborativo -un “coworking rural”- de elaboración de conserva e masas. Para sermos máis precisos: un centro de transformación con todas as garantías sanitarias ( rexistro sanitario compartido) para producir, por unha parte, conservas de froitas e verduras de produción a pequena escala e, pola outra, para produción de masas (pan e bolos).

E, ademais, con esa mesma filosofía está o proxecto que nos contou Pilar, veterinaria, de matadoiro móbil (unha especie de autocaravana que se pode meter por pistas estreitas), de momento para aves, para facilitar que a pequena produción caseira de carne de polo poida atopar unha saída comercial con todas as garantías veterinarias.

Un monte veciñal comunitario e multifuncional

Tivemos, por fin, a oportunidade de visitar o monte en común da parroquia de Baroña. Ovidio Queiruga, explicounos con todo detalle o elenco de actividades -produtivas, culturais, veciñais, educativas, de ocio…- que se poden xerar a partir desa realidade herdada desde tempos inmemoriais, que son os montes veciñais en man común. Foi todo un exemplo do potencial que ten o monte en man común, que en tantos sitios está abandonado.

A cuestión non é xa a dos usos forestais e gandeiros, moi ben enfocados, pero sempre limitados polo mercado e as superficies dispoñibles -sen falar do lume-, senón da innovación con usos complementarios, como o dos cogomelos e o da resina, que está dando uns resultados magníficos.

O monte pasa a ser un recurso comunitario que crea riqueza e postos de traballo, pero tamén como lugar inspirador de actividades para os cativos en idade escolar, para un ocio de natureza e unha sensibilización medioambiental.

E así, con tanta lentura, marchamos coas ideas e os ánimos agromando.