A Romaxe de Crentes Galegos naceu con vocación bautismal. No Concilio Vaticano II resoou con forza a palabra recuperación, sinal de que algo moi importante se foi perdendo polo camiño. Recuperar a Palabra de Deus é tanto coma recuperar a Xesús de Nazaré, palabra feita vida, o Enmanuel. El quere estar presente no medio de nós. Nas Eucaristías en lingua portuguesa o sacerdote di: O SENHOR SEJA CONVOSCO, o pobo contesta con esta forma tan expresiva, tomada do profeta Sofonías: ELE ESTA NO MEIO DE NÓS. Podemos recuperala para nós. É máis xeitosa do que a nosa: E contigo tamén…
No ronsel de Pepe Chao
A teima de Xosé Chao Rego, na súa vida e acción pastoral, tan creativa, foi axudarnos a descubrir que Deus, Pai amoroso, camiña connosco, “vén connosco e está no medio de nós”, feito carne en cada situación e tempo concretos. Por iso nos enviou a Xesús, o Cristo, o Bo Pastor, camiño verdade e vida. E alentou sobre nós: non vos deixarei sós. Enviareivos o Espírito de Deus.
Non hai vida sen comunidade. E non hai vida de comunidade sen celebración festiva
Lembrades ese libro de Pepe no que nos fala do Materno Espírito? No comezo dos tempos Deus alentou sobre a obra da creación e daquela infundiulle vida. E no inicio da misión e da vida pública de Xesús o Espírito Santo veu sobre del e pasou curando enfermos, facendo o ben e anunciando o Reinado de Deus, no aquí e agora concretos da historia. “Vivirmos no hoxe de Deus”, escribiu o Irmán Roger de Taizé.
Con esa vocación naceu Irimia: “Coa forza do noso pobo hoxe proclamo o meu credo: quero ser muller e home novo, pois eu renazo galego”. E para celebralo comunitariamente naceu a Romaxe de Crentes Galegos. Non hai vida cristiá, (nin humana), sen comunidade. E non hai vida de comunidade se non hai celebración festiva.
Que grandes intuicións e que creatividade tivo sempre o noso tan querido Pepe Chao! Non hai Galiza nin galeguidade sen comunidades e sen celebracións comunitarias. E non hai pobo se lle afogamos a fala. Que estamos a facer coa lingua? A Fala é Camiño, da Serra de Meira á Guarda mareira.
Volver ás fontes dos mil ríos
O Bernardo García Cendán, vilalbés coma Pepe Chao, e tamén poeta, para expresar iso mesmo deixounos ese fermoso canto-salmodia: O Xurdirá. Estámolo a esquecer? Teriamos de recuperalo, polo menos os de Irimia: Xurdirá a fala, a común.
Máis ca nunca precisamos ir ás fontes dos mil ríos. Aos da bacía do Miño e do Sil e os da vertente cántabra que todos somos atlánticos, onde viven e morren os nosos homes e mulleres, e as familias das nosas vilas mariñeiras. “Viúvas de vivos e mortos, de mulleres que non ten home e orfos que non ten pai”. Como experimentamos esa forza e vitalidade comunitaria nas tres romaxes de Aguiño, con Paco animando: Batidos polo mar. Pero nunca abatidos. Porque: Para mariñeiros, nós!
As nosas realidades industrial, tecnolóxica e por suposto a agraria, rural e labrega, perde fala e estanlle, estamos, a afogarlle a voz. Hai moitas palabras mentireiras.
Irimia precisa abrirse, ensancharse. Ten vocación de envío bautismal. Pero precisa de novo recuperar o Materno Espírito. Precisa recuperarse.
“Colle a miña man amigo, ergamos a voz xunguidos. Eu contigo e ti comigo poñeremos paz na vida. Paz de amor e de xustiza, paz nun xantar compartido, paz na vida da Galiza. Xesús falou naquel tempo palabras definitivas e precisan de nós hoxe, nesta terra e neste tempo, para ter palabras de vida e ser en amor vertidas, amor vivido en galego. Para que o futuro se gañe sementemos fe nos nenos, fe de amor e liberdade, fe en Xesús, o Cristo, e fe tamén no seu Reino”.
Precisamos bos pensadores, poetas e soñadores, artistas, músicos e cantores. Andrés Torres Queiruga publicou toda unha serie de reflexións para a recuperación. Recuperemos a Creación. Repensemos: a Resurrección, a Revelación, a Cristoloxía, a Salvación, o Mal, etc. Con linguaxe asequíbel, clara, profunda. Ben achegado ás nosas realidades cotiás, con ese estilo de escribir del, nado da experiencia, vivencia persoal e teolóxica.
A Romaxe de 2019 en Vilalba: Ferrados de corazón
O 14 de setembro na praia da Madalena renovaremos a fe proclamando o noso credo.
Por idea de Alfonso Blanco Torrado, nas beiras do Magdalena entrando polo Rañego está o Paseo dos Soños. Entre figuras egrexias, de xeito ben principal, o creador da Romaxe, o noso Xosé Chao Rego. Poderemos ir velo.
Non esquezamos: “O esencial é invisíbel. Só se ve ben cos ollos do corazón”. “Ferrados de Corazón”. É o lema deste ano. Un verso de Manuel María.
Alí mesmo, no silencio e a carón do noso río, antes de partirmos: Onda Ti, noso Pai, á tardiña, axuntámonos para agradecerche a ledicia do día que cae.
Nieves Espiñeira Medín e grupo de Ferrolterra
Río Magdalena escenario da Romaxe
Abandonar a A6: SAÍDA EN BAAMONDE, 522 A: Coller a E70 – A8 que leva a Vilalba e Oviedo.
Abandonar a E70 – A8 na SAÍDA 575 VILALBA.
Na rotonda hai que coller a primeira saída en dirección Vilalba
A 2 km.aproximadamente coller á dereita: PRAIA FLUVIAL
A 300 metros: ROMAXE