Apertura. Xullo 2018
Está a ter lugar o Cruceiriño, encontro no que se pasa lista á programación anual de Irimia. Chégalle a quenda á Romaxe que xa se vai celebrar dentro de mes e pico. Xa está case todo listo para celebrala.
E celebrouse, como recordaredes, no mosteiro de Sobrado.
queremos seguir construíndo esperanza, soño e risa
E para o vindeiro 2019? Onde a facemos? Quen a prepara? Decídese que será en Vilalba. E, marabilla de xenerosidade e decisión, a xente de Ferrolterra presente no Cruceiriño dá un paso á fronte e dinnos que elas se encargan. Magnífico! Terán o apoio, coma adoita ser, da xente ben experimentada de Irimia.
Primeiro acto. Inverno 2018 e primavera 2019
O equipo traballa na preparación da Romaxe de Vilalba: contactos no lugar, escolla do lema, medallóns, elaboración do guión da celebración e preparación da música, etc.
Coma sempre, a colleita que é a celebración da romaxe, ven precedida de meses de traballo. E queda todo a punto para o acto seguinte.
Segundo acto. Vilalba, agroma a XLII romaxe de centres galegos: Ferrados de corazón.
Que emoción produce o comezar as cousas! Que boa vibración se sente na mañá solleira do día 14. A campa e a carballeira a carón do río Madalena locen e agardan. O posto da venda dos medallóns e do caderniño co guión da celebración, activo. Van chegando romeiros en grupos pequenos e nalgún autobús. Apertas e máis apertas.
– Un ano sen mirarnos! Como pasa o tempo! Véxote igual, non pasan os días por ti!
– Ai filla, a procesión vai por dentro… Ben, saudarámonos en Compostela o día da Patria.
– É certo; e máis tamén coincidimos na mani polas pensións, e na Festa do Lume… Claro! Que memoria a miña!
Unha mostra de encontro. Tamén se atopan xente nova e leda que barullan e berran de alegría ao volvérense abrazar.
Mulleres da organización reciben aos romeiros e romeiras con petiscos de queixo San Simón que ofertan unha e outra vez.
As bolsas coas comidas vanse colocando nas mesas de pedra da carballeira. Sitio para todas. Grupos máis poderosos traen e colocan cadeiras e mesas portátiles. A posta en escena do xantar compartido.
Hai mesas co material de Xermolos, da Hoac -Galicia, de A Cova da Terra, do Comité Oscar Romero. Compartimos saúdo coa xente que as atenderán ata a tardiña. Ben por elas! Benvidas as fiestras abertas que mostran coidado pola terra e amor solidario pola xente esquecida. Circula tamén un escrito da comunidade Nicaraguana en Galicia: Un grito por unha Nicaragua libre de ataduras.
Doce músicas, entre vocalistas e instrumentais, que complementan á Quenlla, a nosa Quenlla Irimega, afinan e proban.
Terceiro acto. A celebración
Está para as 12:00 e comeza case puntual. A xente disponse a seguila sentada en cadeiras da organización e tamén en cadeiras particulares. Moitas persoas tamén de pé. Calculo unhas cincocentas, entregadas ao que vai ter lugar: á celebración.
No caderniño estaba o guión completo, diálogos e cantos dividido en catro bloques:
- Apertura (temas musicais) .
- Cos pés na terra.
- Mostraxes da vida: A poeta (María Xosé Lamas), a queixeira/o de san Simón, o funcionario de prisións e o crego.
- A memoria do gran servidor, Xesús de Nazaré.
- O berro seco. Berramos polo orgullo de sermos galegos e galegas. Berramos por un rural sempre vivo. Berramos polo amor ás débiles e a nós mesmas. Berramos pola resistencia da nosa terra ante as desfeitas que sufrimos como por exemplo as eólicas, a desfeita do monte Iribio, os eucaliptos sen orde nin control… e moitas máis.
- Entrega do ramo da Romaxe 2020, que o recolle xente de Arzúa onde terá lugar a Romaxe o vindeiro ano e…
- Remate: Himno galego
Ao remate da celebración comezou a festa gastronómica compartida, pausada, con cantos nalgúns dos grupos. O espazo da carballeira deu cabida a todo mundo que desexou utilizar as mesas e bancos de pedra.
A iso das catro Rubén comezou a chamar pola xente para agruparse de novo onde fora a celebración e pasouse ao …
Cuarto acto. Festa
O grupo local formado por catro persoas: voces, guitarra, violín e trombón chamado Corredores de Sombras, achegou aos romeiros, nunha tarde agradable no tranquilo escenario do entorno do río Madalena: poesía, música e canto en versións propias, e tamén interpretando ademais algunhas pezas tradicionais dun xeito persoal e fermoso.
Algunha xente foise indo, pero a maioría asistimos ao….
Quinto acto. Oración na tarde
Dirixida pola mesma xente do grupo musical, a oración feita na beira do río achegou un tempo de reflexión sobre o evanxeo, de silencio e de cantos.
Contra as sete da tarde foron as despedidas, tranquilas e satisfeitas, con comentarios sobre a xornada que o cronista ousa concretar así:
Foi unha Romaxe fermosa. Todas as pezas que a compuxeron funcionaron con precisión, xa que moitas persoas traballaron para que as cousas saíran. O día axudou (aínda que fixera malo a Romaxe iría igual: sempre vai, pois a xente tira dela). O lugar tamén puxo moito da súa parte.
Serenidade, madurez, tranquilidade no empeño, constancia, perdurabilidade, resiliencia… son epítetos que brotan ao contemplar o día, e que xorden tamén ao botar a vista aos 42 anos de Romaxes de Crentes Galegos. De todo iso está feita a Asociación Irimia e as Romaxes.
Queremos seguir. Gustaríanos ser ao mesmo tempo pasado e futuro. “O Miño non separa” dixemos nunha Romaxe vai para trinta e tantos anos, pero tampouco para temos que dicir.
En 42 anos as condicións da terra e a da xente mudaron dabondo. Vivimos na Galicia si, amámola co corazón, pero tamén vivimos mergullados nunha crise global de civilización que padecen máis as persoas máis débiles: pobos, mulleres, planeta…
Queremos seguir construíndo Esperanza, Soño e Risa, dons que o ceo regalou ao humanos.