Este ano celebrámola en Vilalba, “capital da Terra Chá”. Terra que veu nacer o seu creador, Xosé Chao Rego, e a tantos outros: Bernando García Cendán, Xosé Manuel Carballo, Manuel María, Manolo Cillero, Baldomero Iglesias (Mero), Xulio Xiz, Félix Villares Mouteira, Xosé María Chao Ledo, Marica Campo, Margarida Ledo, Darío Xohán Cabana…, por nomear só algúns.

Celebrarémola na praia fluvial, nas beiras do Madalena. Para os que buscades paraxes encantadas, tamén encontraredes ben axiña o Muíño do Rañego, onde está o Paseo dos Soños. Porque foi soñando como encontrou Xermolos ese lugar axeitado onde plasmar recordos para a arte, música e poesía dos nosos compositores, artistas e poetas, xente que dignifica a nosa Terra, a nosa cultura e a nosa fala. Galicia enteira pervive así nos fillos e fillas máis egrexios, distinguidos e sobranceiros.

IRIMIA, sen fallar ningún ano, e van 42, celebra por toda Galicia as Romaxes de Crentes Galegos para renovar e avivar a nosa fe nese Deus Pai/Nai, que tanto nos quere e nos acolle, que fala coma nós, vive connosco na nosa Terra, na nosa cultura e “nesta fala melosiña que celestiais harmonías ten”.

Pisar a mesma realidade, respirar, observar e celebar a historia e a cultura dos devanceiros e as súas experiencias vitais ata chegar a hoxe, iso é moi grande. Hai que vivilo. As palabras fican curtas e pequenas.

IRIMIA e a Comisión de Vilalba-Ferrol desta 42ª Romaxe (Manolo Regal, Manuel Santamariña, Chema Felpeto, Xulio Xiz, Alfonso Blanco Torrado, Baldomero Iglesias (Mero), Nieves Espiñeira, Carme Solloso, Xaquín Campo Freire) moito temos que agradecerlles aos vilalbeses desta volta. Son xente realmente comprometida co seu pobo.

A Romaxe é un encontro de xente que, desde as súas realidades persoais e vitais, nunca se sentirá forasteira nela. IRIMIA non só a forman a directiva e socios. Somos todos. Formamos unha gran familia que sabe acoller, que cre na súa xente. Cando remata o día, xa pensamos como volver ao ano seguinte. Porque o que se sinte nas celebracións é moi difícil de explicar. Temos de estar alí e percibir a calor e recibir os agarimos que nos temos un cos outros. Por iso non é unha romaxe calquera. Cantos, baile, risas, festa. O máis importante é a Celebración.

Se sabemos vivir o que se está a celebrar, levaremos para os nosos lugares de orixe ferrados de esperanza e alegría. E teremos fe no noso corazón para podermos compartila cos nosos irmáns. Como di o papa Francisco: ide e facédevos presentes nas periferias do mundo, onde o amor e o compromiso se fagan realidade cos máis pobres: FERRADOS DE CORAZÓN!

Se chove, agárdanos un fermoso pavillón.

XLII Romaxe

Hai moitas maneiras de entrar na Terra Chá: ollándoa, andándoa, contemplándoa, traballándoa, compartíndoa, agradecéndoa.

Vilalba é cabeza do concello, antigamente foino do poderoso condado de Andrade, do que xa non queda outra lembranza ca a torre, convertida en Parador de Turismo. Tamén é centro natural e cabeza da Terra Chá.

Recomendamos darse un aire pola vila, ollar a torre octogonal e a praza de Santa María, coa igrexa que, aínda que moderna, concorda ben coas construcións de traza típica chairega. Máis o que recomendamos con entusiasmo é darse un paseo desde o parque fluvial, onde celebramos, a carón do río Madalena, polo Paseo dos Soños, parando en cada hectómetro para honrar cada homenaxeada/o e gozar da beleza de río e o sendeiro.

A Terrá Chá é fecunda coma un inmenso ventre feminino; fecunda en saborosísimos produtos da terra; fecunda en saudosos bens do espírito; fecunda en homes e mulleres que souberon empregar a palabra para poñer ao descuberto tanta fecundidade (M. Regal).

Co lema: “Ferrados de corazón”, gozosamente invitámoste a participar activamente nesta Romaxe, que con tanto agarimo e mimo foi preparada para o goce de cantas e cantos por aquí se queiran achegar, e compartir un día de irmandade e festa na celebración, e tamén no xantar compartido.

HORARIO DA ROMAXE
11:00
Acollida e petisco
12:00
Celebración
14:00
Xantar
16:00
Festa
18:00
Oración da tardiña e despedida
ROMAXE 2019
Como chegar
Como chegar os que veñan do sur (Coruña-Santiago-Vigo)
Vir pola A6 (E70) cara a Lugo.
Abandonar a A6: SAÍDA EN BAAMONDE, 522 A: Coller a E70 – A8 que leva a Vilalba e Oviedo.
Abandonar a E70 – A8 na SAÍDA 575 VILALBA.
Na rotonda hai que coller a primeira saída en dirección Vilalba
A 2 km.aproximadamente coller á dereita: PRAIA FLUVIAL
A 300 metros: ROMAXE

Os que veñan de Lugo, Ourense
Igual pola A6: SAÍDA EN BAAMONDE, 522 A. Coller E70 – A8- Vilalba -Oviedo. O resto é idéntico

Se chovese temos garantido  cuberto para celebración, xantar, actuacions da tarde e oración.