A celebración da Romaxe deste ano céntrase na necesidade dos coidados. Coidar da xente, coidar da terra. Coidando da xente coidamos a terra e coidando a nosa terra coidamos da nosa xente. Galicia, e máis aínda, a Galicia rural, ten que transformarse nun lugar de coidados, con creatividade, con solidariedade, con iniciativas sociais e políticas públicas adaptadas. Como en Lodoselo, facer da nosa tradición e maneira de vivir unha fonte de inspiración para o coidado da vida que dá vida. Iso celebraremos.

Únete a nós e convida a túa contorna!

O sábado 14 de setembro no Campo da Lama, Lodoselo. Sarreaus. A Limia (Ourense)

Como chegar a Lodoselo (Campo da Lama).
No noso taboleiro da revista anterior 1061 xa aparecía información sobre como chegar. Explicámolo brevemente:

Coordenadas:

Latitude 42º 4´ 13.86´´ N
Lonxitude 7º 35´ 34.05´´ W

Vindo de Ourense Pola A-52, tómase a saída Abavides PK 188 (é a seguinte á de Xinzo de Limia).

Incorporámonos á N-525 e collemos á dereita (só quedan uns 10 Km).

A maiores imos poñer indicadores que recen: Romaxe

Consello importante:

Podes traer unha cadeira e algo para o sol (gorro, chapeu, visera, sombreiro de palla…)

Horario definitivo:

11:00h
Acollida
12:00h
Celebración
14:00h
Xantar
15:30h
Sobremesa e foliada
17.00 h
Fin de festa. Cantamos coa Quenlla
Localización XLVI Romaxe de Crentes Galegos

ONDE IMOS PASAR O DÍA?

Con esta ilustración e unhas cantas notas xa vos imos familiarizando cos espazos nos que imos pasar o día.

Punto 1

A proposta é chegar á redonda que aquí aparece sinalada co punto 1 (e que ides ver na estrada pola que chegaredes OU 1104) onde xa vos agardaremos coa xente de protección civil que indicarán ó condutor onde pode aparcar (sinalado de branco polos arredores de onde imos estar).

Punto 2

Aí xa podedes baixar e ir cara o punto 2 (casa reitoral/albergue, a 110 m) onde vos daremos a benvida cun bocadiño de pataca da Limia acompañada e en boa compaña. Nese espazo é onde están os baños que imos poder empregar ó longo da xornada así coma locais que podedes ir coñecendo e que se poderán empregar ó longo da xornada.

Punto 3, 4 e 5

A celebración será no punto 3. Lembrarvos que tedes a posibilidade de visitar tamén a vivenda comunitaria (A túa outra casa, punto 4), o Centro de Día (Casa niño, Xardín sensorial… p. 5) e, ou dar unha volta polo pobo (mesmo guiados polos códigos qr (xogo de pistas) Pobo escola: Aprender no pobo, do pobo, o pobo. Non podedes perder a visita ó fiadeiro, forno, casas da Memoria…

ALOXAMENTO

Se quixerades vir o día anterior e pasar a noite por aquí lembrade que tedes a opción do albergue do Pobo escola https://www.cdroviso.org/files/mscoviso/2022-1/5-13-28-42.admin.Albergue_O_Campi_ntildeo1.pdf. O que era a casa reitoral de Lodoselo, que son 4 cuartos con liteiras e os baños fóra das habitacións… así que se necesitamos algo máis cómodo e reservado tedes a posibilidade de mirar en diferentes sitios do Concello de Sarreaus https://aldeacouso.com/ a 5 Km. Ou calquera nos limítrofes Trasmiras (7km), Xinzo (14 Km)..

VISITA

En calquera caso gozade da Limia. O Paco F. de Cortegada cando fixeramos a primeira publicidade do Pobo escola ditounos algo que quedou finalmente recollido así naquel tríptico: Comarca lobular cal folla de carballo que dirixe o seu pedúnculo cara poñente, saída do río Limia (Lethes). De entrañas lacustres e artúricas; codias graníticas e bretemosas, sementadas de historia: castros, torreóns góticos, mosteiros, basílicas románicas e platerescas, cruceiros e graciosos petos de ánimas; casas de labranza, hórreos e muíños. Aquí conviven bidueiros e carballos, uces brancas e marelas, nichas liláceas, xirasois, nenúfares e beóns, patos salvaxes, ras e gráciles zarapicos…

AVISO:

Por erro enviouse xunto co anterior número de Irimia un texto da Romaxe 2024 que non se correspondía coa versión final. No propio lugar da Romaxe haberá textos coa versión definitiva ao dispor da xente asistente, de maneira que se poderá cambiar alí mesmo. Tamén se pode baixar ao teléfono móbil a versión correcta do texto na páxina web de irimia: www.irimia.gal, evitando así o consumo innecesario de papel. Pedimos desculpas polas molestias ocasionadas.