é necesario lexislar un reparto máis xusto da riqueza
Manifestamos que a pobreza hoxe, non só é cuestión de ingresos monetarios, senón de carencias tamén en cuestións como a vivenda, a saúde, a educación, a cultura e outros medios de vida. A esta grave situación da pobreza no mundo temos que engadir o racismo que ameaza a moitas persoas e sociedades e os enfrontamentos Norte, Sur, Este e Oeste. Ademais, xustificándose nas fronteiras, impídese que persoas inmigrantes dos países empobrecidos e castigados polas guerras, atopen un lugar para sobrevivir; non recoñecendo ás persoas diferentes como iguais en dereitos e privando, moitas veces, dos dereitos humanos fundamentais ás persoas emigrantes; impedindo unha verdadeira convivencia en liberdade.
o racismo ameaza a moitas persoas e sociedades
E é por iso que manifestamos a nosa máis enérxica repulsa diante desta crítica situación e reivindicamos e esiximos das distintas institucións (goberno central, goberno autonómico e concellos) unha maior sensibilidade e a toma de medidas encamiñadas a corrixir a pobreza, as desigualdades, o racismo e a discriminación.
Vemos que é necesaria unha lexislación que regule o reparto máis xusto e equitativo da riqueza e dos bens, así como unha Lei de Estranxeiría que sexa respectuosa coa dignidade humana e que regule a libre circulación e o dereito a vivir libre e dignamente en calquera país; poñendo os medios para que se respecten os dereitos humanos sen discriminación de raza, cor, sexo, ideoloxía ou relixión.
Por todo isto estamos traballando e imos seguir traballando, comprometidos coa humanización, porque cremos firmemente, que outro mundo máis xusto é posible.