Hoxe vouvos falar dun grandísimo profesional. Ao lado da miña casa hai un centro comercial. Todos os anos vai pasar as tardes Papa Noel. Alí recibe ás crianzas que fan deste momento un encontro memorable. A todas atende con cariño e dedicación. Para min un traballo durísimo.
Os meus fillos/as van encantados a este encontro. A maior xa coñece polo miúdo a Papa Noel, aos Reis Magos, ao rato Pérez e ao Apalpador. Os outros comezan a ter razoables sospeitas… De todos os xeitos acudimos con devoción a visitar ao barbudo vestido de vermello. Mal raio me parta!!! Eu non soporto a Papa Noel, en fin, a un si, a este do centro comercial próximo á miña casa porque é un grandísimo profesional. Ano tras ano acórdase do nome da miña xentiña, sabe dos seus gustos, dos seus anceios… En fin, un xenio. Pero non só cos meus. Aqueles que adoitan repetir no seu colo quedan abraiados porque este señor sabe todo deles.
Teño unha mala experiencia vestido de Papa Noel. Son consciente de que polo meu físico dou o tipo pero nunca penso volver. Non sería bo profesional porque, de estar tendo a crianzas no colo, acabaría pedindo a beatificación de Herodes. Porén hai que recoñecer que cando un é profesional, aínda que sexa de barbudo ridículo, as cousas cambian.