1
O TSXG paralizou a explotación da MINA DA PENOUTA, na que a empresa canadense Strategic minerals extraía COLTÁN dende o ano 2018. A autorización favorable expedida pola Xunta de Galicia eludiu segundo o tribunal o requisito da avaliación dos impactos medioambientais sobre a Rede Natura 2000, en particular sobre a Zona de Especial Conservación de Pena Trevinca. A impugnación de Ecoloxistas en acción advertiu sobre os riscos sobre a poboación pola presenza de altos niveis de arsénico, mercurio, chumbo e cadmio nos cauces próximos á mina.
Imaxe: gciencia.com
Imaxe: gciencia.com
2
O NYCKELHARPA é un instrumento tradicional de corda de orixe sueca cuxa rede de difusión foi incluída pola UNESCO no Rexistro de boas prácticas de salvagarda do ano 2023. Este instrumento recorda moito á zanfoña. Coa man esquerda tócanse as chaves do bastidor, namentres a dereita úsase co arco para frotar as cordas. Precisamente, o seu peculiar son procede das cordas que están por baixo das que se tocan. O seu uso comezou a recuperarse a partir dos anos 60 e 70.
Imaxe: ich.unesco.org
Imaxe: ich.unesco.org
3
Os 40 anos do noso seguen de romería por Galicia. A exposición que conmemora as 4 décadas da persoaxe de Xosé Lois González, co que comparte alcume, chega estas datas a Compostela nun percorrido que xa comezara en Ourense hai un ano. O Carrabouxo, compañeiro fiel de Irimia, recibiu a Medalla Castelao en 2008 e o premio Bo e Xeneroso da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG).
Imaxe: nosdiario.gal
Imaxe: nosdiario.gal
4
ABRE OS OLLOS é o título dunha curtometraxe realizada polo CDR O Viso xunto con estudiantes do IES Lagoa de Antela no marco dos actos do 25N (Día Internacional para a Eliminación da Violencia Machista). A peza foi deseñada, elaborada e desenvolvida dende o seu inicio por un grupo de mozas e mozos limiás de entre 14 e 15 anos. A mensaxe que desexan transmitir é a necesidade de actuar diante de indicios de malos tratos. A curta está dispoñible no Youtube, na canle: CDR O Viso A Limia.
Imaxe: https://www.badalnovas.com/wp-content/uploads/2023/11/abre-os-ollos.jpg
Imaxe: https://www.badalnovas.com/wp-content/uploads/2023/11/abre-os-ollos.jpg
5
Dende as súas andainas iniciais ao momento actual as EDITORIAIS GALEGAS non o tiveron doado para facer chegar ás lectoras e lectores obras orixinais, traducións e textos de todos os xéneros en galego (banda deseñada, literatura infantil e xuvenil, clásicos, literatura contemporánea). Xerais, Galaxia, pero tamén Cuarto de inverno, Menino morreu, Nêspera, Rodolfo e Priscila, Rinoceronte, Cumio, Patasdepeixe, Irmás Cartoné, Laiovento, Demo Editorial e tantas outras cuxa descuberta recomendamos.
6
SONDENÓS é un grupo vocal galego fundado no 2012 que interpreta música sacra mais que tamén desenvolveu un programa propio, que denominou “Identidade” no que homenaxea a primeira Irmandade da Fala. Este proxecto alumeou a adaptación de tres melodías de Batallán (O maio), Miro Casabella (O meu país) e Uxía Senlle e Magín Blanco (Todo me fala de ti) mais outra de creación propia: Quando eu sonho.
7
A PALABRA DO ANO 2023 está por saber ao peche desta Peneira, pero será algunha destas seis: “cibercarracho/a”, “cooficialidade”, “dereitos humanos”, “educación emocional”, “feitiño/a” ou “biodiversidade”. Houbo outras que a cidadanía propuxo para a votación, como “Palestina” ou “solidariedade”, pero nesta ocasión non chegaron a estar entre as opcións posibles para a votación, cuxo resultado desvélase o 27 de decembro.
Imaxe: portaldaspalabras.gal
Imaxe: portaldaspalabras.gal
8
Chairego de berce, poeta, mestre, músico, escritor, loitador, irimego… En Mesía quéreno ben e desexan que MERO, Baldomero Iglesias do Barrio, sexa recoñecido como Fillo Adoptivo polo concello. No xerme desta iniciativa está a asociación Obradoiro da Historia, dende onde recollen apoios a esta petición no enderezo electrónico obradoirodahistoria@gmail.com. O último traballo publicado por Mero foi no 2023 co gallo do 50 aniversario de Fuxan os Ventos.
Imaxe: aelg.gal
Imaxe: aelg.gal