“Luísa Villalta era unha muller enteira, como di Xosé Manuel Beiras. Era unha muller feminista, nacionalista e de esquerdas”, segundo nos conta á xornalista Montse Dopico (A Pontenova, Lugo, 1977), autora de ‘Abonda con Vivir’.

A través deste libro imos coñecer o universo vital e literario de Luísa Villalta, a poeta honrada no Día das Letras Galegas.

Montse Dopìco

Montse Dopìco, xornalista autora de ‘Abonda con Vivir’ . Autor da foto: Alberto Fílmate

Quizás sexas unha das persoas que máis coñece a Luísa Villalta. Cóntanos brevemente quen é, tanto dende o punto de vista persoal como na súa faceta de escritora?
Ben, non creo que sexa eu unha das persoas que máis a coñecen. Desde logo, moito menos que os seus amigos e amigas, que foron a principal fonte para escribir a miña biografía ‘Abonda con vivir’ (Xerais). Luísa Villalta foi unha intelectual polifacética. Como unha muller do Renacemento, poderiamos dicir (se daquela se lles permitise formarse ás mulleres). Era música e escritora.

As súas amizades sinalan dela a súa intelixencia, a súa capacidade de análise da realidade, a súa grande cultura, o seu sentido do humor ou a súa firmeza. “Era unha muller enteira”, di Xosé Manuel Beiras. Villalta era unha muller feminista, nacionalista e de esquerdas cuxo pensamento político se reflicte claramente na súa obra e en especial nos seus textos publicados en revistas. Para entender a súa traxectoria, cómpre poñela en contexto: naceu na Coruña no 1957 no seo dunha familia acomodada. Foi á Universidade no tempo da Transición Política, que é cando abraza o galeguismo, nun tempo de moita actividade cultural relacionada coa reivindicación política democrática.

Usas tan só tres palabras para o título do libro. Que nos queres dicir con ese ‘Abonda con Vivir’?
‘Abonda con Vivir’ é un anaco dunha frase de Luísa. A frase completa é “Para escrever abonda con viver”. Escribiuna no limiar do libro ‘Un xardín no tempo’, de TresCTres, de X.M. López Gómez (Ardeiro). Escollina como título porque, ademais de ser moi bonita, eu quería salientar a idea da vida porque era o que vía nela e na súa obra: vida, luz que se abre crecentemente, desde unha obra máis existencial a outra máis político-cívica. E ela estaba, ademais, chea de vida pouco antes de deixarnos.

Portada do libro Abonda con vivir

Portada do libro ‘Abonda con vivir’ (Editorial Galaxia)

Neste libro coñecemos a Luísa Villalta a través do que din dela ata 40 persoas. Un proceso de recompilación de información enriquecedor pero complicado, supoño?
O que o fixo complicado foi o pouco tempo que tiven para todo o proceso: ler toda a obra de Luísa, facer as entrevistas e escribir a biografía. Fixen todo en tres meses. Foi un proceso un pouco exixente, mais tamén moi fermoso porque, con cada nova entrevista, ía engadindo pezas ao puzzle que me permitía entender por que escribira o que escribira, que é o mesmo que comprender quen era.

Nesas 40 persoas hai sobre todo amigos e amigas de Luísa, pero tamén persoas que a coñeceron pouco ou nada e que saben moito da súa obra.

“Escoito a voz que me silencia: comezo a expresar o necesario”

Como describirías a importancia de Luísa Villalta na literatura galega e o seu legado para as xeracións actuais?
Luísa Villalta é unha das autoras que fixeron de ponte entre as chamadas xeracións poéticas dos 80 e dos 90. É difícil adscribila a unha xeración ou á outra porque amosa características das dúas. Mais con esta afirmación cómpre ser prudentes, porque os chamadas poetas dos 80 tampouco escriben igual nos 80 que nos 90 e porque nesa xeración tamén había heteroxeneidade, como en todas. Mais, se atendemos ás tendencias xerais, hai na poesía de Luísa, por exemplo, bastante uso de cultismos, que é algo común nos 80, ou unha presenza da perspectiva feminista que se vai volver moito máis habitual nos 90. Ela mesma evoluciona no seu xeito de escribir.

Que esperas que os lectores obteñan da lectura do teu libro, especialmente aqueles que non están familiarizados coa obra de Luísa Villalta?
‘Abonda con vivir’ é un libro coral no que se poden ler moitas opinións sobre a personalidade e a obra de Luísa, pero tamén é un ensaio que realiza unha interpretación, a miña, sobre por que escribiu o que escribiu a consecuencia de quen era como persoa. Luísa era, por exemplo, unha escritora cuxo mundo non era a oficialidade. Era moi crítica cos gobernos do seu tempo -co goberno local de Paco Vázquez e co goberno da Xunta de Manuel Fraga– e non tiña nada que ver coa cultura próxima aos partidos no poder. Non tivo, de feito, unha posición en vida demasiado central na literatura galega. Editou basicamente con Laiovento, Espiral Maior e A Nosa Terra e non coas maiores editoras do país. Comezaba a ser, quizais, máis recoñecida nos seus últimos anos. Pero faleceu prematuramente dunha meninxite.

Que significa para ti persoalmente poder contribuír ao recoñecemento e difusión do legado literario de Luísa Villalta a través do teu libro?
A verdade: cando me chamaron para propoñerme escribir o libro, ao principio deume un pouco de medo. Ademais, non quería renunciar ao meu verán. Pero despois pensei: pero como non vas facelo! Uns meses despois tiña rematada a reportaxe máis grande que me saíu nunca. E para min foi unha enorme satisfacción persoal vela acabada. En tempo record e cun resultado do que estou contenta, aínda que lle vexa os fallos -hai algún erro, pero nada grave-. Agora coas presentacións do libro teño esa mesma sensación. A de estar contribuíndo a divulgar a figura de Villalta, que é algo que me fai feliz.

A poeta Luísa Villalta

A poeta Luísa Villalta. Autor da foto: Manuel G. Vicente. Cedida por Editorial Xerais

Que leccións aprendiches ao investigar e escribir sobre a vida de Luísa Villalta?
A Luísa pasoulle como a moitas mulleres da súa xeración e como nos segue pasando a moitas da nosa e seguro que das posteriores, pese aos enormes avances do feminismo. Non vou afondar niso porque creo que está todo explicado no libro. Pero con ela, e con tantas outras mulleres, aprendín a loitar, sempre, por ser quen queres ser. Sen obedecer o que parecía predeterminado. E esa é unha aprendizaxe fundamental para a vida.

Por outra banda, que papel xoga o Día das Letras Galegas na promoción e preservación da cultura e a literatura galega?
Paréceme evidente que contribúe a popularizar moito cada figura homenaxeada debido ao traballo que se fai, principalmente, nos centros educativos. Mais o que precisamos é que todos os días sexan Día das Letras. A nivel mediático, por exemplo. E institucional.

Como celebra este día unha escritora coma ti? Como che gustaría que se celebrara en Galicia para darlle aínda máis relevancia da que ten?
Considérome xornalista, máis que escritora. Se fose outro país podería celebrarse doutro xeito, pero non creo que sexa problema de que estea mal formulado o Día das Letras. Creo, iso si, que sería bo que fose menos institucional e máis de cultura de base. Un bo exemplo é o Día das Señoras nas Letras da Sega. Quero algo semellante por cada asociación do país. Moitos días das letras todo o ano.