Os incentivos monetarios viñeron para ficar con nós. Cada vez son máis os políticos que se renden a eles como solución para a maioría dos problemas públicos cos que nos podemos atopar. Xa existen escolas que lles pagan aos seus alumnos por aprobar ou por ler libros dentro dun programa contra o abandono e/ou fracaso escolar entre familias de ingresos baixos. As aseguradoras introducen cláusulas nas que penalizan a gordura ou incentivan o deporte ou a dieta dos seus asegurados para reducir o risco sanitario deles, e o risco económico delas. Usamos o diñeiro para conseguir mellores actitudes nos demais, actitudes que poden axudar a conseguir un ben social maior.

Como evitar que unha prohibición se convirta nun incentivo encuberto?

Michael J. Sandel (Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais 2018) coméntanos que os mercados e o pensamento orientado ao mercado invadiron esferas da vida tradicionalmente rexidas por normas non mercantís. Os incentivos monetarios son a nova alquimia para solucionar os problemas sociais. Pero teñen os seus riscos. Poden asaltar eidos da vida nos que a economía non debería entrar. Saber identificar eses eidos é unha cuestión moi importante para a nosa saúde social. Porque pode que existan actividades que non haxa que desincentivar, senón, directamente, prohibir. Pero aínda que algunhas sexan punibles de seu e, evidentemente, deban ser prohibidas, existen innumerables actividades nas que é complicado poñerse de acordo. Que facemos con fumar, consumir alcohol, os límites de velocidade, emitir CO2, separar o lixo ou usar bolsas de plástico, por exemplo?

Como decidimos que áreas desincentivar e cales prohibir? Elixir mal un incentivo pode crear efectos moi contraproducentes porque pode levar a lexitimar condutas que tiñamos case erradicadas. É moi coñecido o caso daquela escola infantil que para castigar o retraso co que os pais dos alumnos recollían os seus fillos, impuxo unha taxa económica. A súa aplicación provocou que aumentase o número de familias que recollían os seus fillos máis tarde porque estaban dispostos a pagar esa tarifa con tal de que llelos coidasen máis tempo. A decisión da escola de multar os retrasos lexitimou unha conduta que previamente case todo o mundo vía incorrecta. Como pagaban, adquirían o dereito a que lles coidasen máis tempo o seu fillo. Algo punible pasaba a ser admitido.

Un efecto semellante acontece cando establecemos unha sanción demasiado baixa para certas condutas, que se estenden entre as persoas que se poden permitir o seu custo, e así pasamos a ver esa sanción como unha tarifa que nos permite facer algo simplemente incorrecto. Por iso, en Finlandia, as multas de tráfico establécense en función dos ingresos de cada condutor, chegando a acadar cifras superiores a 100.000 euros para os fineses máis ricos.

Aparcar enriba da beirarrúa, ou en dobre fila, para ir recoller os fillos; conducir por zona peonil a máis de 10 km/h; tirar o lixo fóra do contedor correcto ou a deshora ou fumar nun espazo público poden ser condutas nas que funcione mellor o imperativo moral ca o incentivo económico. Sempre que teñamos conciencia social de en que medida son incorrectas. As campañas de sensibilización son unha medida alternativa para fomentar un cambio de actitude.

Actualmente existe unha feroz disputa ideolóxica entre aqueles que pensan que hai que prohibir e os que pensan que hai que desincentivar. Habilitar procesos democráticos cos que coñezamos os efectos sociais das decisións acumuladas de todos nós pode axudar a crear ese código ético democrático que recolla os efectos da nosa práctica diaria, as nosas preferencias e a nosa sensibilidade social. Pero cada problema requirirá unha solución particular.