A comezos do mes de agosto, desde a asociación Mulleres Cristiás Galegas – EXERIA, brotou a demanda dunha muller a cargo da nunciatura española. Materializouse nunha carta secundada por moitas outras asociacións do Estado.
O conxunto de socias que definimos Mulleres Cristiás Galegas – EXERIA, ademais de organizar e participar en distintos obradoiros, talleres e loitas, acompañándonos as unhas ás outras, tecemos unha rede de diálogo e colaboración con outras organizacións, asociacións e mesmo individuos que traspasa fronteiras políticas. O exemplo máis recente disto foi a iniciativa Queremos unha nuncia.
Desde Mulleres Cristiás Galegas – EXERIA artellouse unha iniciativa que nunca antes se vira no Estado español
Nas disposicións do Motu Proprio “Sollicitudo Omnium Ecclesiarum” de S.S. Pablo VI, o 24 de xuño de 1969, e polos cc. 362-367, do Código de Dereito Canónigo, establécese que “El Nuncio es el Decano del Cuerpo Dicplomático”. Entre as principais funcións deste, destacan: a representación permanente do Pontífice ante as Igrexas particulares e ante os Estados e autoridades públicas, fortalecer vínculos eficaces entre a Sede Apostólica e as Dioceses da súa competencia ou fomentar relacións entre a Igrexa Católica e outras comunidades eclesiais en colaboración cos bispos.
Renzo Fratini ocupou este cargo ata este ano, no que, por mor do canon 401 do Código de Dereito Canónico, ao cumprir 75 anos está obrigado a presentar ante o Pontífice a súa renuncia. Foi escollido e nomeado hai 10 anos polo papa Bieito XVI e era próximo á liña máis conservadora da Conferencia Episcopal Española. A súa última intervención ante os medios tivo lugar a raíz do tema da exhumación do ditador Francisco Franco, rompendo coa neutralidade de Roma. Unha multiplicidade de medios sinalan que este feito sentenciou a súa carreira.
A raíz desta nova, desde Mulleres Cristiás Galegas – EXERIA artellouse unha iniciativa que nunca antes se vira no Estado español. Nun primeiro momento, a coordinadora propúxolle á asociación a idea de por que non escribirlle unha carta ao Pontífice de Roma solicitándolle que na súa elección tivese en conta a clamorosa ausencia de mulleres nos cargos de decisión da Igrexa e facendo ver como hai mulleres no Estado español que poderían asumir o cargo. A idea gozou do apoio unánime das socias e puxéronse en marcha as tarefas de composición e redacción dun texto a comezos do mes de agosto.
Co texto definitivo sobre o papel, desde a asociación apelouse á devandita rede. Enviouse o texto e a vindicación a distintos grupos de Igrexa concienciados e sensibles á causa. Así, fóronse sumando apoios e esforzos, chegando a traducir o texto aos catro idiomas do Estado. Os colectivos que secundaron e tamén participaron na elaboración do texto son: a Asociación de Teólogas Españolas, Mujeres y Teología Zaragoza y Sevilla, DonesCreients València, Red Miriam de Espiritualidad Ignaciana Femenina, Col-lectiu de Donnes en l’Esglesia, Colectivo AGAR…, xunto con outras, ata completar un total de vinte.
A carta nos catro idiomas na que xa figuraban todos os grupos que a apoiaban publicouse coincidindo coa festividade de Asunción da Virxe María (o día 15 de agosto) a través de distintas redes e medios. Tivo presenza en Facebook e Twitter, en blogs, en distintas webs e en xornais dixitais como eldiario.es, religiondigital.com, atrio.org ou redescristianas.net.
O principal reto de Bernardito Auza é facerlle fronte a unha Conferencia Episcopal cunha liña conservadora moi forte
Porén, pese ao volume da reivindicación e impacto mediático que tivo na Igrexa tanto galega como española, a utopía sempre está un paso máis aló da realidade. Francisco I a comezos de setembro nomeou como nuncio apostólico en España a Bernardito Auza.
Resumindo brevemente a traxectoria profesional de Auza, sinalar, en primeiro lugar, que comezou sendo sacerdote na localidade filipina de Talibon. Foi bispo de Suacia e nuncio apostólico en Haití durante o papado de Bieito XVI no 2008. Posteriormente, no 2014 (coa chegada de Francisco I ao Vaticano) foi nomeado observador permanente da Santa Sé nas Nacións Unidas ata a actualidade.
O principal reto que se lle presenta a Bernardito Auza como nuncio apostólico en España pasa por facerlle fronte a unha Conferencia Episcopal cunha elite que se enmarco nunha liña conservadora moi forte que, en ocasións, mesmo se posiciona en contra das directrices do propio Papa de Roma. Cabe mencionar tamén que o ano que vén, o bispo da diocese de Santiago, Monseñor Julián Barrio, terá que presentar a súa renuncia ao cumprir 75 anos e será Auza o encargado de propiciarlle relevo ou darlle continuidade no cargo. Auza ten nas súas mans a capacidade de renovar a Igrexa española e, en consecuencia, a Igrexa galega.