O 23F marca o réxime actual, impón unha lectura “posfranquista” da Constitución, establece o bipartidismo, que, aínda imperfecto, permite embridar a democracia e blinda a Coroa como pedra angular do sistema. Para iso créase o mítico relato falso dun rei salvador da democracia e constrúese un muro de protección, silencio e opacidade sobre a Coroa. O rei goza de inmunidade, unha sorte de “patente de corso” que se xustifica coa lectura nesgada do privilexio constitucional de “inviolabilidade e irresponsabilidade”.

A monarquía, lonxe de ser útil, resulta altamente prexudicial para o desenvolvemento normal da democracia

Nesta confabulación nacional participan os dous principais partidos cos seus satélites, as grandes corporacións económicas e, de forma decisiva, a armazón mediática: as máis fortes empresas de comunicación do país. Houbo excepcións, entre as que destaca a periodista galega Rebeca Quintáns, que publicou dous libros ben documentados e rigorosos: Un Rey golpe a golpe. Biografía no autorizada de Juan Carlos de Borbón (Kalegorria, 2000) e Juan Carlos I. La biografía sin silencios (Akal, 2016). Libros que, eficazmente, se impediu que chegasen ao gran público, pero que hoxe están xa ao alcance de todos.

De sempre houbo rumores sobre as aventuras, principalmente libertinas, do monarca, pero eran percibidos como enredos erótico-festivos que subliñaban o carácter divertido e campechano do rei. Foi a raíz do caso Nóos, da cacería de Botsuana e do goteo de informacións internacionais sobre os negocios de Xoán Carlos, cando o muro de protección saltou polo aires e se abriu a veda. Todo conclúe na abdicación do Borbón. Operación política para salvar a institución monárquica e para erguer un novo muro de protección arredor de Felipe VI. Pero este muro non se dá rematado.

Se xa é difícil tragar que o fillo non soubese nada dos extensos e intensos negocios do seu pai, a complicidade, cando menos, fíxose evidente cando Felipe VI recoñecía que levaba un ano sabendo dunha fundación nun paraíso fiscal, da que era o segundo beneficiario, sen tomar medida ningunha co emérito. Descuberta a empanada, a medida que se adopta é o “exilio” práctico de don Xoán Carlos, que, lonxe de arranxar algo, complica todo aínda máis.

A monarquía vese hoxe amortuxada. Non se xustifica pola súa orixe franquista nin se redime pola dignidade do seu exercicio. Lonxe de ser útil, resulta altamente prexudicial para o desenvolvemento normal da democracia e para o benestar da cidadanía. Monarquía amortuxada porque está amortizada.

Aquel “¡delenda est monarchia!” que pronunciou Ortega parafraseando a Catón empeza a ser un clamor.