Tan só dous días antes de despedir a compañeira Hermelinda Dapena en Pontevedra, nunha ría máis ao norte, ao carón do mar de Arousa, despediamos outra muller que merece ser lembrada: Berta Trigo.

Berta Trigo Culler era asidua ás romaxes de Irimia. Participaba todos os anos xunto cos seus veciños de Sobradelo e xunto a Daniel Espiño, o seu párroco. Non pasaba desapercibida, alá onde estaba Berta, había troula e moita vida. Gustaba de bailar, cantar e de recordar xente e momentos; tamén era militante cultural e colaboraba a nivel parroquial en todo o que podía, sobre todo nas corais e na organización da festas parroquiais.

Berta traballou na conserveira desde moi nova, xa que era a única saída laboral por aquel entón. Foi alí onde comezou a súa vida sindical que hoxe moitos compañeiros recordan, como ela dicía, “Era a maneira de defenderse”. Eran tempos duros e na fábrica, onde todas eran mulleres, aínda máis, se cabe. Por iso non se cansou de loitar polos dereitos de todas, enfrontándose en moitas ocasións á súa dirección. Hai uns anos, antes da pandemia, Berta foi homenaxeada polo mundo sindical pola loita e defensa dos traballadores.

O pasado 18 de abril Berta despediuse da súa familia e dos seus veciños na súa parroquia. Queda na retina a imaxe dunha muller que iniciaba os cantos e a celebración das romaxes desde que o autobús saía de Sobradelo ata o momento do xantar. Non quixera pasar como desapercibida esta mesma imaxe que moitos lembramos de Hermelinda cos seus veciños de Praceres. A vida levounas xuntas e seguro que alá onde se atopen seguirán repartindo vida e cantos.