Ilustración de Xoán Andrade sobre Gaza e que leva por título Infamia 2023
É doado deshumanizar ao inimigo pagán
A pesar da súa concepción da divindade, “Deus é amor”, o cristianismo, seguramente moi condicionado polas súas raigañas rabínicas, entre outras causas, non foi quen de erradicar esa práctica de deshumanización do adversario, utilizada para asumir e xustificar a súa destrución violenta. Non só isto, senón que avanzou cualitativamente no proceso de descualificación máis radical do inimigo.
Efectivamente, desde o momento en que o cristiáns principian a asentarse na sociedade greco-latina, tocan poder e, en consecuencia, empezan a recibir o “cento por un nesta vida” ademais de “herdar a vida eterna”, perciben como adversarios os credos politeístas, social e politicamente establecidos, e arraigados na tradición, nos ritos e na cultura da época. Detectado o inimigo, asina comeza o proceso de devala e deshumanización do que da en chamarse o “mundo pagán”. Agustín de Hipona xa o tiña claro no seu libro coñecido como “A Cidade de Deus” e realmente titulado “A Cidade de Deus contra os pagáns”, onde sinalaba a estes coma “mestres da depravación que se deleitan na obscenidade”. O proceso de deshumanización culmina, moi pronto na radical satanismo do politeísmo, que tanto axudaría á violenta destrución do mundo clásico.
A vida de Antonio Abade, primeiro anacoreta que se retira ao deserto e pai da vida monástica, narrada e mitificada polo Bispo Anastasio, narra a loita desgarrada e brutal de Antonio contra as tentacións e mesmo as agresións do Diaño, que trata de pervertelo e destruílo. Este libro, de gran éxito durante séculos, está na base dunha personificación e case divinización de Satanás e da súa maligna corte de diaños, xeradores do mal, e dá orixe ao desenvolvemento doutrinal dunha “demonoloxía”, que viría a ser unha sorte de “teoloxía do Demo”. Este marco doutrinal facilitou a concepción da conversión do imperio como “unha auténtica guerra entre o ben e o mal…unha batalla entre Deus e o mesmo Satanás”. E asi foi doado deshumanizar ao inimigo pagán ata satanizalo e converter a sua destrución violenta nun acto moral bendicido por Deus.
Máis tarde foron os herexes, bruxas, heterodoxos, laicistas, materialistas, agnósticos, ateos e discrepantes ideolóxicos ou políticos de todo tipo, as vítimas da deshumanización e satanización que xustifica e fai tragable a sua morte física ou civil.
Hoxe, a satanización do adversario ven ser a súa cualificación de terrorista ou de cómplice do terrorismo. Así, un xenocidio pode presentarse e ser visto como unha “simple” guerra, cos seus “inevitables” danos colaterais, véxase Gaza, e, pola contra, unha simple liorta ou manifestación, a pouco que se endureza, pode presentarse e incluso chegar xulgarse coma un acto terrorista.
Diante do balbordo pseudopolítico e mediático que estamos a sufrir, compre ter a lucidez en discernir e o empeño en separar a palla do trigo. Porque na nosa cultura, nas nosas conviccións e nas nosas tradicións hai trigo, pero tamén moita palla. Palla que a reacción sabe moi ben aproveitar para prender lume.