Non se sabe ben se este José Luis Peixoto é un poeta (A criança em ruinas) ou un novelista que conta as cousas coma un poeta.
O certo é que o noso José Saramago describe a Peixoto como unha das revelacións da literatura portuguesa e un escritor tocado polo xenio. Certo tamén que para outros esta novela éche unha decepción con cousiñas que renxen: indefinición de estilo, deambulando entre o vulgar e o poético.
O libro é a feliz mestura de sensibilidade poética e aspereza rural
Mellor tirar das propias impresións desta novela sobre a xentiña de Galveias, no norte do Alentejo, patria e berce do escritor, onde unha estraña explosión ou meteorito levanta a pel da terra. E tamén as costuras da comunidade, desafiando as rutinas e a cordura do pobo. Cómpre sinalar que estamos en 1984, ano histórico en Portugal. Na memoria, a Revolución dos Carabeis, que poñerá fin á interminable sangría nas colonias e á ditadura.
A partir desa explosión nunha noite de xaneiro, vai desfilar polas páxinas unha galería humana rica, chea de verdade e quentura. Os irmáns Cordato: cincuenta anos de rancor, sen falarse. O carteiro Joaquim Janeiro, dono de todos os segredos dos veciños, pero agachando celosamente o seu. Isabella, a brasileira dona da panadería e o bordel. Miau, o parviño do pobo. Os Cabeça. A saga do doutor Matta Figueiras…
A explosión de xofre inunda todo, ata o sabor do pan, e desafía o universo cotiá de Galveias, onde o preciso mapa das rúas vén trazado polos ladridos dos cans.
O libro éche feliz mestura de sensibilidade poética e aspereza rural, onde o cheiro de xofre e a chuvia, alí onde case nunca chove, remexe e acompaña de xeito inquietante a vida dos veciños. Nunha comunidade variada, ben definida, retrato psicolóxico do mundo rural portugués, tan próximo ao noso.
Galveias éche unha novela dura, onde a familia se confunde coa veciñanza. Unha tecedura de historias onde a vida vive. E tamén resulta certo o pesimismo do dito: “Pobo pequeno, inferno grande”. O mesmo Peixoto recorda: “O mundo é pequeno pero Galveias é grande”.
Un mundo cálido, áspero, achegado, rural. Minucioso retrato que afonda na realidade rural. Que fai rir, que revolve as tripas. Que respira, que toca a pel, que ole. Que emprega fermosas imaxes e un limpo uso da linguaxe. Unha novela poliédrica que cómpre ler. Con preferencia se o facemos en portugués, para mellor saborear a escrita deste orfebre da linguaxe.
Galveias, de Jose Luís Peixoto.