Non estamos moi certos de canto “voto católico” queda por aí. O que si parece é que niso que chaman a “loita cultural” e que comezou basicamente nos Estados Unidos co Tea Party e os telepredicadores —e que despois facilitou a eclosión de fenómenos tan pouco exemplares como Trump ou Bolsonaro—, as confesións evanxélicas sempre tiveron moito que ver.
Hai unha ultradereita en Europa —véxase Francia e Alemaña— que ten máis de patriota e racista ca de “relixiosa”. Pero na España profunda —ao xeito de Polonia e Hungría— a compoñente nacional-católica é bastante recoñecible. Canto de nostalxia e refluxo nacional católico ten o fenómeno Vox?
A misericordia máis potente faise hoxe con políticas públicas que igualan, sandan, ensinan, nutren…
Hai un par de números, Irimia dedicoulle unha páxina a unhas declaracións do papa Francisco á emisora arxentina C5N, manifestando o seu pánico e desgusto polo avance da ultradereita e receitando un antídoto: a xustiza social. Francisco apuntaba que cando lle chamaban comunista, el retrucaba: “A miña carta de identidade está en Mateo 25; lédeo e a quen dixo iso que alí pon, dicídelle que é un comunista: tiven fame e déstesme de comer, tiven sede…”
Ese texto de Mateo 25 é o que dá orixe ás que, na mellor tradición católica, se chamaron as obras de misericordia. Dar de comer ao famento e de beber ao sedento, dar teito e pousada aos camiñantes, vestir o espido, visitar enfermos e presos… e ensinar o que non sabe, consolar o deprimido…
Reducir esas “obras” ao ámbito privado é unha solución medieval. Se en algo melloramos como sociedades é que a misericordia, que é a forma vella de denominar a solidariedade en acción, se foi facendo estrutura, institución, educación pública e universal, servizos médicos e sociais, apoio e formación para inmigrantes, casas de acollida para mulleres maltratadas, fogares para reintegrar a ex-presidiarios etc… A misericordia máis potente faise hoxe con políticas públicas que igualan, sandan, ensinan, nutren e dan moita vida.
O voto católico debería escoitar o papa de Roma. E non vale dicir que este papa non é católico. O voto católico non debería nunca apoiar nin simpatizar con quen fomenta a idea de que o famento merece a súa sorte, que por algo será. Nin que o estranxeiro pobre é un violador ou unha puta. Nin que os maltratadores se viron abocados a maltratar por tal ou cal circunstancia.
O voto católico non debería soster os que crean e viven do medo, os que fomentan o odio ao diferente, ridiculizan a igualdade e desprezan os esforzos por coidar a nosa casa común. O voto católico non debería ser “nacional-católico”.