Montse Rivera

Entrevistar a Xosé M. Reboiras (Pepe Reboiras, para os achegados) é unha tarefa difícil. Calquera irimego coñéceo e sabe do seu bo facer pola nosa terra. Alá onde haxa que defender o galego na Igrexa, está Pepe. Tan inesgotable na súa loita pola lingua coma na súa paixón por cantar. Todos os que o rodean cantaron con el. Calquera día é bo para falar con el, polo que hoxe imos facelo e coñecer un pouco máis das súas dúas vocacións, que a fin de contas é unha: relixioso e galeguista. Velaí Pepe Reboiras.

Ti es un home relixioso que pertence á comunidade La Salle e ademais es profundamente galeguista. Que foi antes, a túa vocación de relixioso ou a de defensor do galego?
Eu nacín na aldea de Reboiras, parroquia de San Xulián de Laíño, concello de Dodro, no ano 1941. Saín da aldea aos 12 anos. Daquela non tiña idea de vocación nin sabía que era iso do galeguismo.

No entanto, coido que a idea de vocación relixiosa foi calando en min con anterioridade á decisión da defensa do galego.

Se o galego foi relegado, creo que todos debemos contribuír coa nosa achega para que ocupe o lugar de primeira lingua en Galicia

Consideras que son ámbitos diferentes ou existe unha relación entre eles?
O mundo relixioso e a defensa da lingua galega non son ámbitos diferentes, porque unha persoa é o que é en todos os ámbitos da súa vida, na relación que ten coas persoas coas que vive. A lingua galega é un don que Deus nos deu aos nacidos nesta terra e somos nós os que debemos aprendela e usala con naturalidade e lexítimo orgullo no desenvolvemento das nosas actividades da vida.

Creo que é lóxico e natural que un relixioso galego viva a súa vida relixiosa en galego, xa que o galego é a lingua que Deus puxo na mente e no corazón dos nosos devanceiros. Se polas condicións históricas o galego foi relegado, creo que todos debemos poñer a nosa achega para que ocupe o lugar que lle corresponde en Galicia como primeira lingua.

grupo Leilía

Como chegaches á túa vocación relixiosa? Como foi o proceso?
Fun para o seminario de Bujedo por esas cousas típicas que pasan na vida: un Irmán de La Salle –José Couselo Xil– encargado vocacional, de cerca da miña parroquia, tivo a feliz idea de enviarlles aos mestres das escolas da zona unha carta para que lle indicasen o nome de tres rapaces con boa capacidade intelectual e familias católicas piadosas. O meu mestre, D. Antonio Domínguez de la Prieta, tivo a ben poñer os tres nomes e remitirlle a carta. Pasados uns meses, o Irmán Couselo achegouse á miña casa e falou cos meus pais e comigo. Foi a primeira vez que eu vin un relixioso de La Salle de hábito. Ía aprender o oficio de mestre.

Despois dun ano fun para o seminario de Bujedo (Burgos), acompañado doutros cinco rapaces da zona. Alí, en contacto cos Irmáns, compañeiros, actividades…, notei que me gustaba aquela profesión, que foi madurando nas etapas do noviciado, escola de maxisterio, profesión relixiosa e ao longo de 48 anos de educador lasaliano. E aquí estou hoxe, contento da decisión tomada.

Talvez nos custe comprender o noso papel de ser soamente lévedo na masa

Que futuro ten a vida relixiosa?
Ten sufrido moitos cambios ao longo da historia. Despois do Concilio Vaticano II, sufriu un moi radical e creo que hoxe a vida relixiosa progresou en autenticidade e está máis asentada na Igrexa e no mundo. O número dos seus membros experimentou unha redución moi notable, perdeu importancia, poderío, influencia… Tal vez nos custe comprender o noso papel de ser soamente lévedo na masa. Con todo, teño esperanza porque os carismas que anos atrás pensábamos que eran propiedade das congregacións, hoxe vemos que son propiedade da Igrexa e dos cristiáns cos que nos relacionamos. Nunca tantos segrares participaron e viven eses carismas. No caso de La Salle, miles de profesores e colaboradores nos nosos días séntense herdeiros e viven o carisma lasaliano, o que nos permite manter os centros educativos, a pesar da diminución dos relixiosos.

E como como foi ese proceso polo que chegas a esa conciencia galeguista?
O meu galeguismo foi nacendo e afianzándose xa desde os trece ou catorce anos, ao ver que eramos algo discriminados polos compañeiros casteláns de clase, que aínda se acordaban das historias dos segadores galegos e nos miraban algo por enriba do ombreiro. Xa de profesor, ao longo da miña vida en Castela, Portugal, Guinea Ecuatorial…, sempre levei a Galicia e a miña lingua materna no corazón e onde estiven tratei de informarme do acontecer en Galicia e de dar a coñecer a súa poesía, a súa danza e música. É moi sintomático que para sentir a galeguidade haxa que pasar uns anos fóra e ter experimentado a morriña da nosa terra.

Con 42 anos puiden dar cumprimento a unha aspiración que sempre levei comigo desde os 20 anos: vir como profesor ao colexio La Salle de Santiago. En 1982 comezaba a lingua galega a ser introducida nos centros escolares. Fixen os cursos de Iniciación, Perfeccionamento e Especialidade e desde os cargos que desempeñei no centro fomentei de palabra e obra a lingua galega no trato co profesorado, cos alumnos e as familias e nas distintas materias e actividades do colexio.

Durante oito anos fun Secretario da Escolas Católicas de Galicia e desde esta nova plataforma fomentei iniciativas para que a lingua galega se afianzase nas actividades relixiosas, sociais, culturais e deportivas. Agradezo a Escolas Católicas que puxese o meu nome a un premio de investigación do fomento da lingua galega: Premio Irmán Reboiras.

premio irmán Reboiras

Cales pensas que son os puntos fortes da lingua galega na Igrexa?
Na Igrexa en Galicia cústame atopar algún punto forte, moito terá que cambiar. Confío máis no labor de segrares decididos que se empeñan en que o galego estea presente na Igrexa e tamén de algúns sacerdotes; aínda que maioritariamente non o usan na fala nin escriben en galego.

A nosa Igrexa en Galicia ten moito que cambiar: aínda ten pendente a materia de lingua galega

A nosa Igrexa galega aínda ten pendente a materia de lingua galega. É algo chocante, se pensamos a relación da Igrexa coas outras linguas da península. No caso do catalán e o vasco, a Igrexa foi sempre por diante, fomentando o uso desas linguas nos actos litúrxicos. Cando o Concilio autorizou as linguas vernáculas, a Igrexa en Galicia determinou de feito que o castelán era lingua oficial. Pasaron os anos e só se deron tímidos pasos. Si, temos Misal, Biblia, Leccionarios, Diurnal, Rituais…, en parte dos casos debido ao traballo desinteresado de voluntarios. Para facer celebracións en galego aínda hai que pedir o beneplácito do sacerdote oficiante. E o peor é que boa parte dos sacerdotes que saen dos seminarios, levan prexuízos contra a lingua galega. Nalgunhas parroquias do rural, nas que o galego era normal, chegan eles e impoñen o castelán.

Imaxina que nos len os nosos bispos galegos e os responsables de ordes relixiosas presentes en Galicia. Que lles dirías?
Aos nosos bispos diríalles que hai pecados de omisión e que intenten corrixir esa eiva de tantos anos de vivir ignorando a lingua galega. A sociedade civil e as súas autoridades usan moito máis a lingua ca a Igrexa. Deus entende o galego e gústalle que nesta Terra lle falemos galego, que é a lingua da xente sinxela, campesiña, mariñeira… Que vexan que trato se lle dá á lingua galega nos seminarios e na formación dos novos sacerdotes e emenden tanto desleixo. Que sintonicen, favorezan e dean testemuño de uso. É triste que a nosa xente asocia relixión e Igrexa con castelán; e non debería ser así.

Para os responsables das congregación relixiosas, o problema é máis complicado: os seminarios e lugares de formación, ordinariamente, están fóra de Galicia. Con todo, deben animar os relixiosos e relixiosas de Galicia a usar máis a lingua galega na súa vida interna e na relación coa contorna. Á xente agrádalle e ve con bos ollos a un relixioso ou a unha relixiosa falando galego con naturalidade porque están afeitos a oílos en castelán.