Non digo “irmán máis vello”, porque Mato nunca foi vello, nin aos 91 anos, porque tiña esa viveza moza, esa picardía natural, esa inocencia consciente, esa grandeza incontible. E hoxe teño que despedir ao irmán; irmán non por vínculo familiar, si por identidade humana, polo que me ten ensinado sen palabras; pola amizade, polo exemplo, polo amor á terra e ás xentes… polos cincuenta e cinco anos de identidade amiga. Irmán compartido con centos, milleiros, de beneficiados polo seu ser e facer.
Vímonos por ultima vez o domingo pola mañá que, sen poder falar, estaba especialmente expresivo. Ángel, o sobriño que o acompañaba, díxome que pola mañá dixera misa por señas e entón, ao despedirme, díxenlle: “xa que misaches, agora que me vou de viaxe, ben me podes dar a bendición”. Bendeciume sorrindo baixo a mascariña que lle facilitaba a respiración.
Era un varón santo que cando se lle mencionaba calquera acción que tiña realizado no campo da cultura, do social, da música, dos “minus” que el transformou en “válidos”, tiña unha sóa resposta: É porque son cura, e a un cura nada humano lle pode ser alleo.
© Foto: Foto de Alberto López, de La Voz de Galicia
Xesús Mato, sacerdote e fundador de Fuxan os Ventos, faleceu en febreiro aos 91 anos en Lugo.
Artigo publicado por XULIO XIZ en La Voz de Galicia e cedido para a súa reprodución en Irimia.