O mes de marzo foi un mes de loitas e reivindicacións, que agardamos deixen pouso, xa que por saír un día á rúa, a sociedade non muda; é un traballo diario de paso a paso, miúdo, e ás veces ata parece silencioso. O 8 de marzo saímos xuntas e xuntos á rúa, berrando ben alto “Machismo para atrás”, “Fóra o patriarcado”, “O feminismo é a igualdade”, “Non son mortas, son asasinadas”… Dicirlle a unha muller que está obsesionada co feminismo é como dicirlle a un paxaro engaiolado que está obsesionado con voar… Dous días despois, unha muller era asasinada en Valga. E volvemos saír á rúa en repulsa dos asasinatos machistas e da violencia de xénero.

Marzo foi un mes de loitas que agardamos deixen pouso

A igualdade aínda é unha materia pendente, como o é a concienciación e sensibilización a prol da defensa do medioambiente. E nestes momentos temos unha moza que nos está a dar exemplo e leccións de activismo: chámase Greta Thumberg e con 16 anos fala claro, sen adornos, contra o cambio climático e contra a pasividade dos políticos e políticas; promoveu os venres polo futuro e cada venres senta fronte ao Parlamento sueco coas súas pancartas. Ademais toma medidas para reducir a súa pegada de carbono, polo que non colle avións e viaxa en tren.

Aquí, en Pontevedra, abríusenos unha fiestra de esperanza a que Ence marche da ría, por incurrir a prórroga do Goberno do PP en vicios de incorrección legal. Oxalá sexa declarada nula e se vele polo interese xeral, non polo interese de grandes empresarios. Oxalá se volva recuperar a ría para Pontevedra, Marín, Poio… e o lugar de Praceres volva ser un pracer.