Un fantástico traballo asoma polas librarías, ConSciencia, libro da Dra. Sonia Villapol Salgado, neurocientífica e profesora galega que actualmente reside en Houston. Non pasa desapercibido escoitar o nome da autora; retrotráenos aos artigos publicados no tempo pandémico, abríndolle a porta á ciencia nun tempo inédito e de toma de decisións complexas. As investigacións desta galega, orixinaria do pobo de Bretoña, no concello de A Pastoriza, foron publicadas en infinidade de revistas científicas internacionais, xunto con capítulos de libros académicos, análise dos xenomas do coronavirus, da fisiopatoloxía da Covid, a vacinación e, aqueles que máis recordamos, sobre estudos da Covid persistente. ConSciencia é un libro que recolle toda esa divulgación, facendo un repaso ao que foi a pandemia da COVID-19, desde que falamos dela aló por decembro de 2019 ata a época pospandémica na que vivimos. Seguindo esta cronoloxía e en linguaxe sinxela, analízase cada elemento amosando os erros e acertos tomados para defenderse contra o virus, pero tamén “achegando rigor e credibilidade científica, dunha maneira obxectiva e corroborada coa evidencia”.
Segundo reza na súa web, Sonia vive en Houston, tras pasar anteriormente por lugares como Barcelona, París, Maryland ou Washington D.C. Nas súas visitas a Galicia, non deixa de dar charlas, conceder entrevistas, visitar centros de estudos e, este verán, percorrer librerías presentando ConSciencia, un libro en galego, publicado por Xerais. O amor ás súas orixes ponse de manifesto nas súas manifestacións. É por isto que o Paseo dos Soños de Vilalba dedicou en 2022 o XVI Hectómetro Literario á súa figura, xunto a outros coñecidos como Pepe Chao, Alfonso Blanco , Mini e Mero, Helena Villar e Xesús Rábade, Manuel María, Margarida Ledo ou Xulio Xiz.