Sombra e libros. É un plan estupendo para o verán. O lugar, a cervexa e o tipo de libro son variables. Nas vacacións eu busco iso. De feito, estou escribindo isto na miña sombra, ao carón do meu libro e sen cervexa porque aínda é cedo.

Lin moitos libros e algún deles pagou moito a pena. Especialmente dous.

O primeiro titúlase Virtudes e misterios, de Xesús Fraga. O autor conta a historia da súa familia. A vida de emigrante en Londres da súa avoa Virtudes e a historia do seu avó en Venezuela. Como eran galegos en Londres e ingleses aquí. É a épica dos nosos e dos de agora. Non é estraño que levara o premio nacional de literatura.

Outro libro foi Una educación, de Tara Westover. Tamén conta a súa historia. Naceu no seo dunha familia mormona ortodoxa, no ambiente máis profundo dos EEUU. Alí medrou sen acudir a ningún colexio e case sen recibir educación formal. O libro supón unha reflexión sobre a educación que realmente importa, a da casa. A superación da autora de todos os seus prexuízos foi dura.

Non sei cando lin que os libros que pagan a pena son aqueles que se len igual ca beben as galiñas. Les un pouco e logo levantas a cabeza. Estes dous son así.

Vémonos na Romaxe. Arde Rumboia!