Supoño que todos estamos de acordo en que esta pandemia, coas súas precipitacións e refachos, está a cambiar o modus vivendi das persoas. Non sei se somos conscientes do volume de circunstancias novas que están a suceder, pero gustaríanos saber que non todo está cambiando para mal ou empeora irremediablemente para sempre. Por iso, afondando un pouco e ollando ao redor, atopamos tamén moita cousa nova e boa que supón unha inxección fronte a esta pandemia mundial.
Un exemplo está nas nosas vilas, que durante a pandemia peatonalizaron algunhas das súas rúas e hoxe mantéñense así facendo real –conscientes ou non– aquilo que defendía Francesco Tonucci de que o primeiro na organización deben ser os peóns, logo os ciclistas, logo os medios de transporte público e, por último, os vehículos privados.
Outro exemplo está no tempo de lecer do horario escolar. Aqueles patios onde reinaba o balón de fútbol ocupando un bo espazo (agora desaconsellado por razóns obvias), súpleos un interesante abano de xogos onde se mesturan, máis ca antes, nenas e nenos con máis creatividade e menos conflitividade. Iso si, coas medidas moi presentes. Veremos se cando remate a pandemia (rematará algún día!), logramos ter patios máis dinámicos e integradores.
O último punto que traemos aquí é a volta ao natural, ao medio. A xente tirouse ao monte, literalmente e no bo sentido. Por medo? Pode ser, pero o certo é que un domingo pola mañá podes atopar case tanta xente nun dos camiños de sendeirismo que temos como no centro do pobo. Quérese crer que isto traerá un maior coñecemento do que nos rodea e, polo tanto, unha maior sensibilidade polo seu coidado.
Poderiamos poñer máis exemplos, incluso podemos ser impulsores deles. Cada un terá os seus, pero o certo é que isto vén recordarnos ese refrán tan coñecido de que non hai mal que por ben non veña.