Ola, boa noite, xentiña toda de IRIMIA.
Levo un día que non dou máis. Hoxe, 17 de xaneiro, é o día do santo Antón abade (s. III-IV), aínda que logo, por mor de me teren feito patrón dos porcos, deron en chamarme o santo Antón lacoeiro.
Máis adiante tamén me chamaron o santo Antón verdadeiro, porque me confundían co santo Antón de Lisboa (1195-1230), tamén chamado de Padua, que foi onde morreu; falaba moito e ben en defensa da xente humilde, que, onte coma hoxe, sufría moitos abusos, pero de animais entendía pouco, por máis que era frade dos de san Francisco, que tanto ben sentían dos animais e aínda de toda a natureza.
É dicir, que se queredes honrar a natureza e os seus animais todos, se queredes medrar en admiración e coidado pola Casa Común, se queredes renegar de todo tipo de macrogranxas, a quen vos tedes que arrimar, é a min. E dígovolo con todo respecto polo meu “tocaio”. A cada quen, logo, o seu.
E xa sabedes que, desexando folgar nunhas horas de divertimento, que todo cómpre na vida, podedes botar man de moitas cantigas que os vosos maiores me foron compoñendo como a ningún outro santo, case sempre dirixidas a min e non ao colega de Padua. Unha, por exemplo, dirixida a min, co seu aquel di así:
“Hei pedirlle ao santo Antón
que non me quede a muller viúva,
que quede eu para amañar
as contas co señor cura.”
E mirade estoutra, esta si dirixida ao Antón de Padua, a quen lle gardan lei, disque, as mozas casadeiras:
“San Antoniño bendito,
dádeme un home,
anque me mate,
anque me esfole”.
Tremendo, verdade? As violencias machistas non aparecen porque si.
E máis nada, amiguiñ@s da alma. Como vos dixen, o meu corpo hoxe non dá para máis. Apertas. Gozade co Entroido. Medrade coa Coresma.