-“Decidme, quién sois, Teresa? É a pregunta coa que o inquisidor asalta a Teresa de Xesús na cociña do convento onde se desenvolve parte do filme. Deus anda entre pucheiros escribiu a santa de Ávila.
Non estamos afeitos a que creacións alleas á igrexa sexan tratadas con obxectividade. Paula Ortiz ofrécenos unha obra de arte. Dura, brutal en momentos. A fotografía, a iluminación, os decorados son extraordinarios. Pero o máis importante é a resistencia desa muller que se enfronta a mil acusacións e sospeitas por parte do poder eclesiástico e masculino. O salto ao baleiro, ao abismo, unha das escenas máis potentes, recorda o relato de Eloi Leclerc falando de Francisco de Asís en “Sabiduría de un pobre”.
Blanca Portillo conta que pasou unha semana vivindo nun convento de clausura e vestindo como as monxas. Descubriu con sorpresa que a clausura non é un pechamento, senón un ámbito de liberdade e de alegría, segundo declarou.
Sospeito que o filme non estará moito tempo nas salas. Non deixedes de vela.