Entre as etapas de maior relevancia na historia de Galicia e que ademais ten unha importante manifestación no ámbito patrimonial, está o mundo dos castros prerromanos e galaico-romanos e as explotacións auríferas romanas, tanto sobre xacementos primarios (sobre rocha) como secundarios (de aluvión).
Montefurado, o máis monumental dos “montes furados”
Indo desde Lugo (por Sarria) ou desde Ourense (por Monforte) e cun percorrido dun día (ou de dous, se queremos ir amodo) e uns 200 km, que recomendamos facer sobre todo na primavera ou no outono, e pasados os lugares de Rairos e Augasmestas (topónimo que indica a unión entre o Sil e o Lor), onde tamén hai restos de minas romanas, cruzamos logo Quiroga para chegar a Montefurado, desviándonos para ver o seu impresionante túnel artificial de 400 m de longo e case 20 de ancho, escavado nun meandro do Sil e que permitía a explotación do ouro aluvial do seu leito orixinal. Quizais do século I d. C. é o máis monumental dos moitos “montes furados” que Roma deixou na antiga Gallaecia, para levar entre 15 000 e 20 000 libras de ouro a base dunha perfecta organización técnica e administrativa, que modificou decisivamente o territorio e a sociedade castrexa prerromana.
Montefurado no Sil
Preto da aldea de Montefurado pódense ver tamén restos das explotacións de tipo secundario, sobre aluvións barrentos ou arxilosos, en forma de pequenas “meduliñas” con restos dos túneles, situadas fronte á igrexa parroquial de S. Miguel, un dos templos máis característicos da comarca, coa súa gran torre e unha boa vista sobre esta parte do Sil.
Meduliñas en Montefurado
Pola Serra do Courel
Volvendo cara a atrás ata Quiroga (que ten un interesante museo xeolóxico da zona), desde aquí, e pasando antes a rentes da igrexa da Ermida (de onde procede o primeiro e gran Crismón galego, hoxe no Museo Diocesano de Lugo), comezamos a ascender ao Alto do Boi, que nos introducirá de cheo na Serra do Courel, pero divisando tamén, a media subida e cun panel informativo, os interesantes pregues xeolóxicos de Campodola e Leixazós (onde, dicía Ánxel Fole, “Non entra nin carro nin Dios”).
Se temos tempo e imos con máis vagar, desde o Alto do Boi sae á esquerda unha estradiña que leva á aldea e ao impresionante castro de Vilar, nun esporón debruzado sobre un meandro do río Lor, e de volta á estrada xeral e pasado Folgoso (e as inevitables -?- canteiras de lousa que estragaron a zona), podemos subir ata a tamén etnográfica aldea de Sobredo, desde a que hai un costento camiño ao castro da Torre, que ofrece unha das mellores panorámicas do val do Lor e do Courel; ambos castros eran poboados vinculados ás minas de ouro de época galaico-romana.
Igrexa de Montefurado
Hai sitios para xantar tanto en Folgoso como máis adiante, en Seoane, desde onde sae unha estrada a Esperante e, algo máis arriba, ao enclave do Castelo medieval de Carbedo, preto do Monte Cido, onde apareceron a tessera hospitalis ou pacto de hospitalidade en bronce entre pobos castrexos, baixo o mandato romano e o remate de estandarte en forma de aguia, tamén de bronce, que hoxe se poden ver no Museo de Lugo.
Val do Lor desde o Castro da Torre
No camiño de volta
Se seguimos subindo só unha miguiña a estrada a Mostaz e Romeor, moi de seguida e á esquerda teremos a mellor vista das enormes minas auríferas do Torubio (en primeiro plano) e da Toca (do outro lado do Lor), sendo esta última, que é un enorme “bocado” no monte, unha das máis coñecidas e espectaculares do NO e un bo exemplo das explotacións de tipo primario sobre rochas metamórficas.
Volvemos a Seoane e desde aquí podemos facer a viaxe de volta por Folgoso e Quiroga cara a Monforte ou ben, se imos por Lugo, facela mellor saíndo ao Camiño Francés de Santiago no Alto do Hospital, para chegar ao Cebreiro, que merecerá outro día unha visita monográfica ao seu Santuario mariano e ao conxunto etnográfico das Pallozas.