No Pedregal de Irimia fixemos homenaxes merecidas a finais de setembro: a Santi Caneiro, mestre de gaiteiros e durante anos técnico de son das Romaxes e presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, falecido no mes de xullo, e a Isaac Alonso Estraviz, mestre e restaurador da lingua galega. Foi na Festa da Afirmación e a Dignidade que organiza cada ano Xermolos e a Irmandade Manuel María.

A filla de Santi Caneiros recolleu as Mans de Irimia, obra do escultor Manuel Pardo e foi ben fermoso o que contou: “Meu pai fixo de min unha mochila. Si, unha mochila, pois de meniña levábame colgada nas costas a onde fose. E na mochila ía metendo experiencias e vivencias. Na mochila entraban os cantos das vellas dos lugares onde acudía para recoller sons case esquecidos, na mochila entraban tardes de ir con el ás castañas, noces, cogomelos…, paseos polas fragas, esencias do país…”.

A Deputación de Ourense propón a Isaac Alonso Estraviz para a Medalla de Ouro. O 26 de outubro recibiu o recoñecemento por parte de ADEGA, na Eira da Xoana. Na Romaxe de Irimia foi encargado de botar un Berro Seco. Estraviz, coñecido no pasado como o Padre Santos, ten unha vida para facer unha película. Monxe rebelde en Oseira, onde aos 18 anos fixo promesa de falar sempre en galego. Desterrado do país, traballou cos xitanos, estudou, licenciouse e doutorouse en lingua galega. Foi tradutor de libros ben importantes e autor do dicionario Estraviz, un dos mellores do Galego, que está en dixital para calquera (https://www.estraviz.org/). Asombra cando conta que poñendo aulas, nunca suspendeu a un alumno. Soubo sempre motivalos para sacar o mellor deles. Veño de ler estes días o libro que recolle a correspondencia de Estraviz con Ramón Piñeiro e non teño máis que dicir: Obrigado Isaac e abraços de todo un País.