O outro día fun ver a exposición de Fuxan os Ventos, en Santiago. É un curioso percorrido polos seus 50 anos de historia. Dende os seus comezos ata agora. É un percorrido tamén pola historia recente de Galicia e das principais reivindicacións polas que pasamos. Dende a reivindicación da música en lingua galega en si ata as máis recentes como as de “Queremos galego” ou “Nunca máis”.

Para min, o máis curioso foron os seus comezos. Foime moi significativo como empezaron e o papel que tivo a Igrexa nese comezos. Os colexios relixiosos e as parroquias impulsaron a cultura galega nestes anos tan difíciles, para poder expresarse dun xeito propio. Tamén me chamou a atención unha imaxe dende unha das primeiras romaxes.

Nese fervedoiro cultural que foron Fuxan os Ventos, Voces Ceibes e logo Milladoiro, A Quenlla e tantos outros, foise formando toda unha conciencia de música e cultura de noso. Cónstame que centos de crianzas santiaguesas foron cos seus coles á “expo de Fuxan” e quedaron encantados. Saíron cantando cancións que aprenderon alí. É unha semente de transmisión tamén da nosa música. Todos estes grupos seguen sendo unha referencia, pero agora tamén temos a testemuña das Tanxus, Ses ou De vacas, que seguen a ser os relevos das nosas melodías. Sementar, sementei.