En tres cancioneiros trobadorescos, o cancioneiro de Ajuda o da Biblioteca Vaticana e o da Biblioteca Nacional, e en dous pergameos coñecidos como pergameo de Sharrer e pergameo Vindel, están recollidas preto de 1700 composicións poéticas da lírica galego-portuguesa dos séculos XII a XIV. Ao pé de 190 trobadores e xograres forman o nutrido grupo de autores que deron vida a todo este corpo poético. Estas cantigas están clasificadas en tres grandes xéneros, as de amor, as de amigo e as de escarnio e maldicir. Non tivemos a sorte de coñecer a música que as acompañaba porque se perdeu. Aínda así chegáronnos uns valiosos restos. Sabemos da música orixinal de once delas. Seis das que é autor Martín Codax e sete atribuídas á autoría do rei portugués Don Dinís.

“Agora que vivo en Galicia e a súa lingua é tamén a miña”

Mais agora vén de aparecer unha publicación enchida dun poderoso alento poético e musical. Unha fermosa iniciativa do dúo Barahúnda. Trátase de Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro. Ambos os dous madrileños e ambos os dous galegos de adopción. Conta Helena que no inverno de 1987, e tras escoitar a un grupo francés interpretar algunhas cantigas, quedou completamente enfeitizada. Foi o comezo dunha longa travesía polos reels irlandeses, os romances casteláns, a canción sefardí, a música galega e a do leste europeo. Unha enfermidade dexenerativa fixo que Helena perdera a visión mais non a paixón e o acerto interpretativo. Unha voz que envolve e engaiola. E canda Helena veuse xuntar José, un namorado da guitarra con formación jazzística e adestrada experiencia nas bandas de rock. En setembro do 1998 montan o seu propio proxecto baseado na música tradicional ibérica e na das tres culturas e a partir de aí retoman tamén un arelado soño: darlle vida musical ás cantigas. Dende aquela foron aparecendo nalgúns dos seus traballos mais agora fano dun xeito máis explícito coa edición dun orixinal e fermosísimo libro: FREMOSAS. Cantigas de amigo e de amor.

Helena e Jose
Helena e Jose
Editado por Toxosoutos reúne doce cantigas. Ofrécenos o texto orixinal acompañado dunhas breves notas sobre a composición musical elaborada por Barahúnda, a correspondente partitura, uns apuntes históricos do autor da cantiga e un código QR, que unha vez escaneado, nos transporta á deliciosa experiencia de poder escoitar a composición musical ao tempo que facemos lectura do texto poético. Unha marabillosa idea.

O libro presenta unha edición bilingüe en galego e castelán de todos os textos. Pretende con iso chegar ao público más extenso posible e a todos aqueles que desde unha xeografía española moi diversa seguen os pasos artísticos de Barahúnda.

Un privilexio ter a esta xente entre nós. En palabras de Helena: “Agora que vivo en Galicia e a súa lingua é tamén a miña, ao interpretar estas cancións mergúllome, máis aínda se cabe, na poesía destes belísimos textos. A poesía: a máxima expresión dos sentimentos que esconde a alma humana. Xunto coa música… Cantando síntome libre, como cando me mergullo nas calmas e frescas ondas do mar de Rianxo”.

Discografía de Barahunda:

  • Al sol de las hierba (Sonifolk, 2002)
  • Una hora en la ventana (Musikarte, 2006)
  • Múdanse os ventos (Autoeditado, 2015)
  • Onde vai o mar (Autoeditado, 2018)