Hoxe enviávame un amigo un correo electrónico comentando que aínda existen revistas “en exclusiva, polo seu título, para mulleres” como suplemento de periódicos; podiamos comentar o despropósito dese papel couché. Entre outras cousas, anunciaban milagreiras cremas para que as mulleres nos coidemos, fagamos que a nosa pel siga lucindo tersa e suave, con luz…, con imposición non da saúde da pel, da hidratación, senón coa imposición de cumprir os canons de beleza e, por favor, non lucir engurras. Tamén anunciaban prendas de vestir que “che fan un tipazo”, é dicir, uns pantalóns que deben embutirte ou encherte, segundo o caso, para que luzas 60, 90 e pernas longas. Artigos, se se chaman así, non anuncios, artigos falando dos pantalóns que mellor tipo che fan. Viva a diversidade corporal! Que aquí só existe un modelo para todas, claro. Os homes non precisan pantalóns que lles fagan un corpazo, xa todos parecen Brad Pitt de serie. Nas novas tamén falaban dalgúns príncipes azuis e da pobre doncela rescatada, que algunhas persoas temen por malvada, como se fose unha madrasta das historias terribles de Disney, e outras toman como vítima vilipendiada pola cuñada…, é dicir, algunha malvada hai e, por certo, a súa posición posible nesas novas só é a de muller malvada diabólica, manipuladora ou a de vítima pobriña que precisa comprensión, sempre nesa dicotomía, branco ou negro, sen poder optar a outro papel. E así estas revistas non nos falan de ciencia, nin de novidades literarias, nin de filosofía, nin de historia, política, viaxes, cine; en fin, están cheas do que cren que debe ser o contido dunha “revista feminina”. A miña mirada feminista non é capaz de lela, oxalá a vosa tampouco, e pidamos a igualdade real e efectiva na sociedade porque isto só é un nimio exemplo.