Conversamos con Antón Laxe, educador social e actualmente animador da Casa Museo de Manuel María. Antón, xa desde a súa fase de animador xuvenil no centro Abeiro da Coruña, é ben coñecido por moitas das persoas conectadas con Irimia e mesmo formou parte da súa directiva. Antón é dos que traballan caladiño, dos que nunca fallan, dos que fan falta.

“Non hai maneira neutral de sermos galegos”

Na Romaxe de setembro de 2019 recuperamos os versos de Manuel María…

Ollada a Terra Chá dende as alturas
é semellante a un mar en calma.
Pra medila só valen dúas mensuras:
ferrados de corazón, fanegas de alma.

E desde ese espírito da Romaxe queremos recuperar o testemuño vital, as pequenas historias, de galegas e galegos que viven a ferrados -de alma e corazón- o seu compromiso coa nosa terra, sen faceren necesariamente moito ruído, con fe, xenerosidade e coherencia. Iniciamos neste número esta nova serie.

Cóntanos primeiro algo de quen vés sendo, as túas claves…
Pois teño 46 anos e moro no Ventorrillo, cos meus. Nacín e crieime nun barrio popular e obreiro da Coruña de entón, Monte Alto, cando todos os nenos e nenas tiñamos aldea e a rúa era o noso espazo para brincar. Meus pais viñeron de terras do Ortegal. Non fun nunca un bo estudante, o gusto polo coñecemento chegoume un pouquiño tarde; aínda así, ao final, dei acabado Educación Social. Algo despistado de novo, o ambiente xuvenil salesiano axudoume a crecer e a implicarme na realidade a través da miña participación en distintos colectivos sociais. Con vinte anos descubrín “que non hai maneira neutral de sermos galegos. Ou somos ou non somos” e eu escollín exercer de galego. A lingua, o país, as desigualdades e a inxustiza, o medio natural… son temáticas que sempre están entre os meus intereses. Ultimamente participo en Vía Galega, unha Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza.

A lingua, o país, as desigualdades, o medio natural… sempre están entre os meus intereses

E a túa ocupación actual ten algo que ver con iso e tamén co que celebramos na Romaxe…
Pois si, xa que teño a fortuna de traballar na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei da Terra Chá. E digo sorte porque para min Manuel María é toda unha referencia desde o punto de vista ideolóxico e cultural. Unha persoa que produciu unha das obras creativas de maior entidade, tanto por calidade como por cantidade, das publicadas na segunda metade do século XX. Unha obra extensa e variada, quer en xéneros literarios, quer en temática e rexistros empregados, desde a fidelidade á lingua galega e contribuíndo, desta maneira, á súa rica tradición literaria. E ademais, unha persoa cunha defensa nidia de Galiza e a súa cultura, feita sempre desde un punto de vista nacionalista, e cun compromiso ético e cívico e un activismo cultural que defendía e practicaba.

Como chegas á Fundación?
Pois ben, eu chego á Fundación Manuel María en 2015. Naquela altura a miña experiencia laboral cinxíase ao campo do social, en concreto, ao ámbito da atención á infancia e a dinamización xuvenil, e ao político, pois traballara no grupo municipal BNG da Coruña. A miña primeira encomenda foi percorrer case todos os concellos de Galiza difundindo a obra de Manuel María.

A Casa-Museo conta cun auditorio, antiga palleira da casa, para actividades culturais

Explícanos a vosas actividades, o que ofertades, o que facedes…
Hoxe en día o meu espazo de traballo é a Casa-Museo Manuel María, que vos convido a visitar calquera fin de semana ou festivo, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30. h. A Casa-Museo, inaugurada hai seis anos, foi a casa natal, unha construción de tipoloxía chairega. Nela acóllese toda a obra e o legado de Manuel María, como a súa magnífica biblioteca construída durante máis de 50 anos e que é un tesouro do libro en galego e sobre Galiza; o seu fondo artístico, no que hai obras de destacados artistas contemporáneos; o seu arquivo, cunha documentación imprescindíbel para a historia de Galiza da última metade do século XX: manuscritos, correspondencia, fotografías, audios, vídeos… Unha das cousas que gostamos de salientar é que este recurso cultural e toda a actividade que nel se desenvolve é froito do traballo colectivo, altruísta e de voluntariado dun bo número de persoas que fixeron e fan os traballos de inventariado e catalogación, a ordenación de documentación e organización da biblioteca, o traslado de fondos, o desenvolvemento de moitos proxectos como Lúas de Outono, o Certame de recitado Rosalía sempre viva, o Convivio da Cultura Galega, o Concurso escolar de videopoemas, o Clube de Lectura, o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, a reedición de poemarios… Por certo, a Casa-Museo conta conta cun auditorio, antiga palleira da casa, no que programamos regularmente distintas actividade cultural (música, teatro, cinema…) e coas que procuramos que sexan un espazo de referencia e encontro para as veciñas e veciños de Outeiro de Rei e da comarca da Terra Chá.

Eu, concretamente, levo a cabo as visitas. Estas son sempre guiadas e adáptoas segundo as idades. Hai que salientar, por exemplo, que durante o curso escolar son moitos os centros educativos que nos visitan. Co apoio no percurso polos distintos cuartos, co que se expón en cada un deles e coa propia obra literaria tento achegar un pouquiño o universo íntimo e creativo de Manuel María e vinculalo coa realidade da Galiza que el viviu e a Galiza do presente, así como os valores que el defendía e practicaba.

Traballas en algo que te apaixoa. Que che achega como persoa facer isto?
Este proxecto, loxicamente, fixo que afondase no coñecemento de Manuel María e da súa obra literaria, coa axuda de Saleta, a súa viúva, e das compañeiras e compañeiros da Fundación. Eu persoalmente non o tratei nunca, só fun lector e asistín a algunha que outra conferencia que deu na Coruña. A firmeza e coherencia das súas conviccións; a súa fidelidade e defensa das clases populares, da lingua e da nación galega; o seu traballo entregado, paciente, permanente e continuo; a súa íntima comuñón coa natureza; o seu humanismo; a vivencia do amor… son algunhas das aprendizaxes que podo, podemos, tirar.