1

A REVOLTA DE MULLERES NA IGREXA

A REVOLTA DE MULLERES NA IGREXA convocou o 6 de marzo en Galicia dúas concentracións para a defensa da dignidade e a igualdade das mulleres na Igrexa, nas que se reclamou o avance na inclusión da muller nos espazos eclesiais: “Estamos capacitadas e chamadas a participar en todos os espazos de decisión e tamén algunhas sentímonos chamadas a practicar os ministerios”. Alertan da perda dun caudal de achega intelectual, emotiva e de efectividade que empobrece o conxunto e que é, ademais, inxusto.

2

O PROXECTO XORIMA é unha iniciativa multimedia que dende hai xa dous anos pretende recoller e divulgar a historia dese grupo chairego nacido en 1981. Como froito deste traballo, xa se presentou en marzo, en Vilalba, un libro e está a piques de divulgarse un documental, que despois se vai levar ás redes sociais, así como moita información relativa ao grupo. Xorima publicou un único disco no ano 1985, que foi reeditado en numerosas ocasións.

O PROXECTO XORIMA

3

DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

O pasado 10 de marzo celebrouse o 50 aniversario do asasinato de Daniel Niebla e Amador Rey, traballadores de Bazán, pola policía franquista. A oposición á sinatura dun novo convenio deu lugar a despedimentos, que foron obxecto de protestas nas rúas, coa conseguinte represión policial. En memoria destes acontecementos, instituíuse o 10 de marzo como DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA e este ano asinouse un manifesto conmemorativo (máis información en Facebook: Dez De Marzo Cincuenta Aniversario).

4

A nova Constitución Praedicate Evangelium (PREDICADE O EVANXEO) foi publicada por sorpresa en marzo, tras 8 anos de traballo, cunha orientación “máis misioneira” e procurando “maior presenza de laicos e mulleres na administración” da Igrexa. Entre as súas novidades está a creación de novas secretarías (Comunicación ou Economía), dicasterios e a adopción de medidas para acelerar as causas sobre abusos a menores. Entra en vigor o 5 de xuño.

PREDICADE O EVANXEO

5

CASO CARIOCA

Os tres principais encausados polo CASO CARIOCA resolveron cunha condena dunha ducia de anos de prisión (en conxunto) unha petición inicial de máis de 520. O acordo coa fiscalía deixou atrás a impunidade da maioría dos delitos imputados. Namentres, a xuíza instrutora foi apartada do xulgado por “retrasos inxustificados” nunha causa que se dividiu en 49 pezas, o que axudou a desmontala. Na trama había nomes de empresarios, políticos, policías nacionais, municipais e gardas civís.

6

A ASOCIACIÓN CULTURAL GALICIA FIDDLE naceu hai 10 anos como unha iniciativa do mestre Alfonso Franco e co apoio de profesores e alumnado da ETRAD de Vigo, para promover a utilización do violín na música tradicional. Para celebrar a súa primeira década, a asociación publicou un disco, Acanteira; nel tocan rapazas e rapaces de entre 13 e 24 anos, utilizando unha metodoloxía que amosa que se pode facer música sen depender dunha partitura, “xogando” e aprendendo a tocar o que soa na cabeza.

A ASOCIACIÓN CULTURAL GALICIA FIDDLE

7

ANULACIÓN DE DOUS PARQUES EÓLICOS

O Tribunal Supremo confirmou a ANULACIÓN DE DOUS PARQUES EÓLICOS en funcionamento en Mondoñedo, fallando en contra dos recursos da Xunta e da empresa Norvento. Tramitados de xeito fraudulento como dúas instalacións independentes, trátase en realidade dun único parque fraccionado ilicitamente, o que implica a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental e, polo tanto, do proxecto, o cal tampouco tivo en conta a afectación do Camiño de Santiago dun xacemento arqueolóxico e de dúas lagoas.

8

A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) publicou o libro de Guillerme Ignacio Damas e ghaláns no Entruido de Nergha. Unha danza de Entroido no Morrazo, investigación sobre esta DANZA perdida hai 70 anos, que pretende axudar a coñecer, así como concienciar a veciñanza sobre a súa importancia e, por último, recuperar. O traballo baséase na información aportada por veciños e veciñas de Nerga e outras aldeas de Hío e Darbo e nun vídeo gravado por Antón Beiras no torreiro de Nerga en 1951.

SAGA