1
Logo dunha investigación independente, a ONU concluíu que China puido ter cometido crimes contra a humanidade en relación con varias MINORÍAS ÉTNICAS MUSULMÁS (sinaladamente os uigures, pero tamén kazajos), provocando, coa escusa da súa lexislación antiterrorista, a privación de liberdade a grande escala destes grupos, cando menos entre 2017 e 2019. Malia a redución da presión, seguen a adoptarse medidas como a separación de familias ou a realización de arrestos arbitrarios.
2
A AA.VV das Conchas, en Bande, denunciou diante do Seprona a contaminación por ácido sulfhídrico que sofre o ENCORO DAS CONCHAS (Baixa Limia), por causa dos nitratos que proveñen do esterco e dos puríns da gandería industrial. A veciñanza responsabiliza as administracións públicas por inacción e a Naturgy, que xestiona a presa, por unha situación que leva décadas acontecendo e que afecta a saúde pública.
3
Este pasado setembro estreouse a primeira ópera electrónica en galego, PAPAGENA, obra da compañía ButacaZero, que dirixen Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. O compositor da música, autor do libreto e director musical da peza é Iago Hermo. Papagena é unha narración dende unha perspectiva de xénero da relación tóxica que mantén unha parella. Diríxese a todos os públicos, mais de xeito principal á mocidade, e pretende achegar a ópera a lugares onde este xénero non adoita representarse.
4
Marchou SALETA GOI, defensora e activista da lingua e da cultura galegas. Dende a librería Xistral, en Monforte de Lemos, loitou xunto con Manuel María pola difusión da literatura galega, creando un espazo de reunión para escritoras e escritores implicados na defensa da nosa cultura. As súas actividades foron censuradas en numerosas ocasións polo franquismo, o que non logrou que cesasen no seu labor.
5
Acaba de publicarse hai ben pouco o libro REVUELTA DE MUJERES EN LA IGLESIA. ALZAMOS LA VOZ, na editorial La imprenta. De autoría colectiva, conta coa colaboración de activistas e teólogas feministas da India e de moitos outros lugares. As súas coordinadoras son: Pilar Calle Humanes, Mercedes I. Herrera, Silvia Martínez Cano, Pepa Monleón Caro, Mabel Ruíz Ruíz, Marisa Vidal Collazo e Pepa Torres.
6
Pola súa banda, a agrupación MULLERES CRISTIÁS GALEGAS – EXERIA organiza un acto o vindeiro sábado, 8 de outubro, ás 12 h na Praza Exeria de Compostela, para levar ao arcebispado as propostas de reformas que as mulleres queren ver na Igrexa, recollidas internacionalmente.
7
A nosa benquerida IRIMIA estará na rede na súa totalidade, ao dispor de quen ben quixer, unha vez dixitalizados todos os seu números, tralo acordo asinado pola presidenta da asociación, Lucía Santiago, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Este acordo permite xa a consulta dos 1039 números (e outros materiais), que dende 1981 agromaron en papel tamaño ¼, cunha periodicidade semanal ata a versión que hoxe coñecemos na páxina web do propio Consello.
8
Máis suxestións musicais: RADIO GLADYS PALMERA (gladyspalmera.com), que tenta recuperar a memoria histórica da música latina, anticipar tendencias musicais e fomentar a diversidade cultural; e BALA, Ánxela Baltar (guitarra e voz) e Violeta Mosquera (batería e voz), cun son moi potente que elas mesmas temen clasificar e que lembra o rock intenso dos 90. En palabras de Ánxela: “Ser muller e facer música é un acto de resistencia”.