1
A escritora EVA MEJUTO, autora de libros infantís e xuvenís, polos que percibiu importantes premios, percorre o país mantendo encontros literarios, que xiran ao redor da diversidade e da memoria histórica, en escolas e institutos. No mes de xuño publicou Memoria diversa, onde recolle a testemuña de persoas do colectivo LGTBI+ que viven en Galicia, e A ladroa da biblioteca de Meirás, unha proposta para seguirlle os pasos a Mariña, a nena que collía “emprestados” libros desa biblioteca.
2
O CASTRO DA TRINIDADE, xacemento arqueolóxico situado ao pé do Camiño de Santiago, ten que ser retirado do PXOM de Mondoñedo por orde xudicial, tras a demanda presentada pola mesma empresa que explota a canteira, que o vén esnaquizando nos últimos anos. Supostamente, o castro non está incluído no inventario de Bens do Patrimonio Cultural de Galicia, afirmación que nega a documentación emitida pola Consellería de Cultura.
3
Cobre San Rafael, Strategic Minerals e ERIMSA, empresas MINEIRAS sancionadas repetidas veces por vulneracións ambientais, participaron en xuño na celebración do “Simposio Mujer y Minería”, patrocinado pola Xunta de Galicia. Ecoloxistas en Acción denunciou este intento de “lavado de cara lila” e reivindica a crítica ecofeminista ao extractivismo. A entidade ecoloxista destaca a falta de reparos destas empresas para someter con violencia todo o que poña límites á maximización do beneficio.
4
As 378.178 TRABALLADORAS DO FOGAR rexistradas en España, mulleres na súa maioría, poderán acceder a prestacións básicas como o desemprego. A ratificación polo Congreso dos Deputados do Convenio 189 da OIT estende a protección deste colectivo e amplía os seus dereitos para a súa equiparación ao resto das persoas traballadoras. Esta normativa refírese tamén ás traballadoras migrantes e a aspectos como a remuneración, a información sobre as condicións de traballo, as vacacións e os descansos.
5
Do 21 ao 24 de xullo celebrarase na Asociación Raíña Paraíso (Vilasantar) a III ESCOLA DE VOLUNTARIADO, que se vai desenvolver como un campamento sobre a SUSTENTABILIDADE. Nesta experiencia que organiza Manos Unidas Galicia para mozas e mozos de entre 16 e 25 anos, proponse a reflexión e o debate sobre os principais retos sociais e ambientais que afronta o planeta. O prazo de inscrición remata o 15 de xullo. Información e contacto: educación.galicia@manosunidas.org
6
A Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC) rendeulle homenaxe ao crego xesuíta BENITO SANTOS, quen dedicou a súa vida á loita obreira. No acto, no que se presentou a obra Ahora más que nunca. El compromiso cristiano en el mundo del trabajo, os seus compañeiros destacaron a súa participación na loita sindical e obreira, así como a súa empatía, intelixencia emocional, xenerosidade e compromiso coas persoas con menos recursos. Foi tamén un firme defensor da liturxia en galego.
7
RUTAS DE HISTORIA (www.rutasdehistoria.com) é un proxecto que abre novos xeitos de gozar do turismo a través de rutas históricos polo país. Entre as rutas propostas para 2022 atópase: “As desterradas: cando unhas monxas galegas se enfrontaron á raíña de Castela”, guiada por Carme Varela. A ruta percorrerá os lugares máis destacados da súa peza teatral, As desterradas, dos que foron señoras as monxas bieitas, ata seren desposuídas do seu mosteiro, San Salvador de Albeos.
8
Ás MULLERES xudías custoulles décadas poder rezar onda os homes no Muro das Lamentacións e conseguírono só nunha pequena parte do seu percorrido. A oposición dos ultraortodoxos ao rezo compartido é unha mostra dun tipo de discriminación que sofren as mulleres canto ao rol que desenvolven nas distintas relixións. Yolanda Alba fai un percorrido crítico polo papel da muller nas diferentes liturxias no seu libro Sacerdotas; nel cuestiona esta discriminación transversal.