O liderado crecente das mulleres é a boa nova da política española e, seguramente, o resultado máis tanxible da marea feminista, que non deixa de subir coa mirada posta na preamar, aínda non acadada.
Nas formacións da esquerda, a eclosión dos liderados femininos e feministas é evidente. Sen sermos exhaustivos, basta citar os de Yolanda Díaz, Ana Pontón, Mónica Oltra, Ada Colau, Fátima Ahmed, Mónica García, Teresa Rodríguez, Irene Montero, Ione Belarra ou Victoria Rosell, por exemplo. E só a posibilidade de que as mulleres logren, por fin, un amplo espazo transversal, plural e democrático de unidade e de acción política esperta esperanzas e ilusións, sempre imprescindibles para calquera transformación social, cultural e política na dirección da xustiza, da igualdade e do benestar social.
Cómpre sinalar que o feminismo tamén favorece o liderado de mulleres no ámbito das dereitas, quizais como efecto colateral. A onda feminista consegue, en certa medida, desbordar resistencias patriarcais e mesmo machistas, incluso nas formacións máis reaccionarias, que non teñen máis remedio ca aceptar algúns liderados ou papeis relevantes de mulleres na acción política. Velaí temos, sen ir máis lonxe, a Díaz Ayuso, que disputa, sen complexos e con bastante éxito, o liderado de Casado. Pero tamén destacan mulleres cono Ana Pastor, Cuca Gamarra, Cayetana Álvarez de Toledo, Macarena Olano, Inés Arrimadas, Begoña Villacís ou Rocío Monasterio.
Certo que estas mulleres non son realmente feministas e mesmo combaten o feminismo, en coherencia cos idearios políticos dos seus partidos. Poderiamos chamarlles “mulleristas”, no sentido de que non buscan a emancipación da muller e a superación do patriarcado, senón unicamente o poder, tamén de mulleres, para servir e administrar o sistema vixente; pero non me atrevo a facelo porque a palabra “mullerismo” xa se utilizou, no seu día, para nomear o feminismo africano, lexitimamente racializado, e podería xerar confusión.
As líderes das dereitas son, en realidade, “colaboracionistas” do patriarcado e poderían chamarse algo así como ginaicócratas para expresar a súa vontade de que a muller sexa meramente “a man que arrola o berce do sistema”, parafraseando a Mary Robinson que, sen dúbida, era moito máis feminista ca as líderes da dereita española.
Segundo as feministas din, o esencial do feminismo é a emancipación da muller, a igualdade e equidade de xénero e a demolición do sistema patriarcal; e só neste marco ten sentido feminista o exercicio do poder e da autoridade e a preeminencia da lei. É dicir, teremos que seguir facéndonos a mesma pregunta: poder si e lei tamén, pero… para que?