Unha das mellores novas deste momento político veu sendo a articulación, baixo o nome de SUMAR, dunha plataforma ou candidatura unitaria de múltiples formacións, á esquerda do PSOE e a “competencia virtuosa” entre todas as forzas das esquerdas, coma compañeiros dunha viaxe que será longa se quer ser fértil. A superación da tradicional fragmentación e mesmo confrontación destas forzas foi estimulante e causa para mobilizar un electorado desencantado, que tantas veces encallou na abstención.
Sen restar mérito a dirixentes e militantes de todos os partidos implicados, cómpre dicir que a conxuntura social e política foi determinante. Parécemo a min.
A conxuntura social e política vai requirir, por moito tempo, a unidade e a cooperación entre as esquerdas
O avance das dereitas extremas nas eleccións municipais e rexionais ensinaron as orellas do lobo e alertou e alarmou os máis confiados; os avances do goberno de coalición, sobre todo en materia de dereitos, condicións salariais e laborais ou de cobertura dos máis vulnerables, fíxonos decatarnos de que, tendo moito que avanzar, hai moito que perder. Con todo isto e algo máis, a decisión de adiantar as eleccións xerais aguilloou nas esquerdas a necesidade imperiosa de unirse e cooperar para evitar unha volta atrás de décadas e unha deriva antidemocrática que só podería traer sufrimento, empobrecemento, represión e mesmo violencia. Así foi como a necesidade se converteu en virtude.
Agora pódese frear o acceso ao poder das dereitas extremas, débese conformar outra vez un goberno de coalición e resulta imprescindible conseguir a súa estabilidade para unha boa xestión política.
Porque a conxuntura social e política segue a requirir, e por moito tempo, a unidade e a cooperación entre as esquerdas e a súa ampliación aos sectores progresistas e nidiamente demócratas do país. Non só para seguir avanzando na consecución e exercicio dos dereitos, das políticas de solidariedade e do benestar social, senón, e sobre todo, para lograr encarar problemas cardinais que atinxen á supervivencia mesma da democracia española.
Basta pensar na, xa perentoria, reforma da Constitución en asuntos, por exemplo, como a organización territorial axustada á realidade plurinacional do país, que o seu Título VIIIº xa non alcanza a resolver; a imprescindible “feminización” de todo o texto constitucional, marcado pola ausencia da muller; a inclusión na regulación constitucional das novas realidades, nacidas da revolución tecnolóxica que estamos a vivir; a resolución definitiva da anomalía democrática da monarquía outorgada, que é o nó gordiano que “deixou atada e ben atada” a supervivencia larvada e nefasta do franquismo; a asunción de novos dereitos e deberes orixinados pola crise global do medio ambiente… e un longo etcétera.
A unidade lograda resultou ilusionante e esperanzadora, pero ten a fraxilidade dun bebiño. Precisa de tempo e de coidados para medrar e madurar. Pór a criatura en risco por insensatez ou intereses tortos e sectarios pode matala, o que sería un crime de lesa democracia.
Non se pode xogar “coas cousas de comer”.