Nun recente artigo o hispanista irlandés Ian Gibson –especialista en García Lorca e que reside en Andalucía– insistía no enfoque sobre o que tantas veces temos editorializado en Irimia: a diversidade lingüística é unha fortuna. A mensaxe principal dese artigo expresábase xa de entrada: “Toda España divídese en dúas partes: a monolingüe e a bilingüe. Que sorte para os galegos, vascos, cataláns (e valencianos e habitantes das illas) recibir desde a infancia tal agasallo!”. Curiosamente ese agasallo, segundo o artigo 3.3. da vixente Constitución española, non o é simplemente para cada nacionalidade con idioma propio, senón para o conxunto, pois esa diversidade lingüística é un “patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”.

Todo “don” herdado implica unha “tarefa”. Un patrimonio inmaterial cómpre mantelo vivo.

Todo “don” herdado implica unha “tarefa”. Un patrimonio inmaterial cómpre mantelo vivo. Protexer unha especie en perigo non é encerrala nun zoo ou disecala nun museo, é darlle espazo, vida, hábitat, territorio. Darlle futuro. Gibson indica, por exemplo, que, “se España é plurinacional, que o é…, o lóxico sería que cada alumno monolingüe tivese que estudar, polo menos minimamente, outro idioma do Estado”.

O ruído que se produce pola dereita centralista pola validación do uso das linguas cooficiais no Congreso dos Deputados e Deputadas é outra variante máis da política de “incendiarios vestidos de bombeiros”. E non vale argüír con razóns prácticas cando se trata de símbolos. O paso que se dá simboliza o que se expresa nese artigo da Constitución: “Respecto, patrimonio común, protección” e, xa que logo, benvida e longa vida á diversidade lingüística e cultural! Nin que dicir que resulta demagóxico e absurdo tan sequera insinuar que iso pon en perigo a supervivencia do castelán.

Pero o rexistro simbólico, sendo tan necesario, non abonda. A tarefa principal de dar vida, utilidade e futuro ao noso pasado lingüístico reside nas institucións e na cidadanía de cada nacionalidade histórica, galega, vasca e catalá (nas súas variantes) e dun pacto social a prol de políticas lingüísticas compensatorias, restauradoras e normalizadoras. Niso Galicia vai moito a remolque.

A necesidade do plan podería ilustrarse, no noso caso, con obxectivos como que o galego deixase de ser a “a perpetua lingua B”, “o idioma que se agacha diante de descoñecidos”, “o das materias docentes de menor prestixio”, “o que é imposible de atopar na televisión infantil”, “o da xente maior”, “aquel que non se lles fala aos nenos e nenas para que non sexan raros”, “o que é perfectamente prescindible para vivir en Galicia” ,“o que non é cool” ou “o que é un atranco para atopar emprego”.

Un plan real, non de disimular, que non encaixa precisamente cun goberno galego contrario a que o galego teña presenza nas Cortes Xerais, non sabemos se por seguidismo partidario, complexo pailán ou mera incompetencia lingüística.