Creo que o éxito da operación descansa en diversos alicerces, dos que cabe salientar algúns orixinarios e persistentes. O primeiro piar da hexemonía popular aséntao Manuel Fraga: integra no PP, desde o poder na Xunta, a practicamente todas as dereitas de Galicia e embrida na disciplina partidaria a todos os baróns provinciais que, de primeiras, pretendían “mediatizar” o poder supremo do partido e da propia Xunta de Galicia desde cadanseu cantón.
O terceiro piar da hexemonía popular é a rede institucional, política, social e asociativa que o PP deu construído desde o poder durante tres décadas, cunha práctica caciquil moitas veces e clientelar sempre.
Un segundo piar, tamén fundamental, foi a sagaz integración no PP do galeguismo máis conservador —tan imbricado de xeito transversal na sociedade galega—, esgrimindo un autonomismo formalmente radical. Basta con lembrar, por exemplo, o invento da autoidentificación, a demanda da ventana única ou a mostra reiterada de autosuficiencia política que se lle permitiu exercer desde os Gobernos centrais, tanto do PP como do PSOE. De feito, Fraga desembarca en Galicia ao berro de “galego coma ti!”, logo de defender desde Madrid a Fernández Albor ante un intento de apartalo da Presidencia da Xunta perpetrado desde o seu propio Goberno. Fraga asume o galeguismo máis conservador, moi presente no colectivo Realidade Galega do contorno de Albor, e non dubida en recoller aquela consigna de “Sentidiño!”, acuñada polo primeiro presidente da Xunta de Galicia. Foi ben significativo ver como, máis de trinta anos despois, o triunfador Alfonso Rueda repite e reivindica con entusiasmo o sentidiño na súa exultante celebración da noite lectoral.
O terceiro piar da hexemonía popular é a rede institucional, política, social e asociativa que o PP deu construído desde o poder durante tres décadas, cunha práctica caciquil moitas veces e clientelar sempre. Iso si, axudado por un sistema electoral desproporcionado que o favorece e que Manuel Fraga rematou coa parede dese cinco por cento de votos por provincia que se require para entrar na repartición de escanos no Parlamento.
Nestas eleccións, as esquerdas só lograron abrir expectativas que, ao cabo, se frustraron e si conseguiron que o BNG dera un bo salto, cuantitativo e cualitativo, baixo o excelente liderado de Ana Pontón. O Bloque gana escanos pero, sobre todo, avanza en transversalidade e moi notablemente en votos, prestados algúns pero outros propios e ben gañados, que lle permiten encabezar merecidamente unha oposición que debería frear ou amortecer a deriva neoliberal do PP.
O PSOE tocou chan cun líder solvente, pero escaso de tempo e de medios, que o levou ao peor resultado da súa historia en Galicia. As súas posibilidades están en saber colaborar na oposición e en emprender a reconstrución do seu espazo electoral, seguramente mantendo o liderado de Besteiro, aínda que só sexa por rematar con ese excesivo cambio de candidatos que non lle deu resultado ningún.
O resto das esquerdas, lamentablemente, fracasaron. Sumar non foi quen de sumar e Podemos empezou a restar desde o día que abandonou o seu grupo parlamentario no Congreso e rematou coa súa decisión de “restarse” de Sumar.
O cambio político en Galicia só se producirá cando a maioría dos galegos e, sobre todo, das galegas caian na conta e asuman que os servizos públicos, sobre todo a educación, a sanidade e os coidados, o crecemento e desenvolvemento económico do país, a igualdade e o benestar social non teñen posibilidade de mellorar co PP no Goberno, senón ao contrario. É dicir, cando o sentidiño cambie de bando.
© Foto: Telecinco