O luns 12 de febreiro, seis días antes do día das votacións, a nai do xornalista Luís Pardo recibiu unha chamada do Sergas para anunciarlle que, por fin, a ían operar de cadeira. A nova data ía ser o mércores 21, tres días despois do domingo 18. Pero o luns 19, o día seguinte das eleccións, volven chamar a nai do xornalista para dicirlle que non, que o do mércores non podería ser e que quedaba para máis adiante. Así o contou o propio Luis Pardo en X, o que aínda chamamos Twitter, e remataba o chío: “E ti dis: Naaah”.
“Os partidos son importantes, o sectarismo resta e sobre todo a cultura de cambio non é cousa só das organizacións políticas”
O 19 de febreiro saímos dese estado de emoción típico das campañas electorais que está cheo de medos e esperanzas. Pasan as votacións e a realidade, como o dinosauro de Monterroso, segue aí. Ese luns estendeuse entre moitos votantes nacionalistas e de esquerda en xeral, un certo desánimo. Abundaron frase enxeñosas como aquela de que xogamos como nunca e perdemos coma sempre, que la vida sigue igual, etc Ou explicacións conspiranoicas que viron na mobilización do PPdeG un fenómeno só explicable polo auxe do BNG. No fondo hai algo de inocencia nesas argumentacións. Os populares mobilízanse se a ameaza é do Bloque, do PSdeG ou da Asociación de Veciños de Lavadores. Eles si que lle aprenderon a Gil de Biedma que a vida vai en serio.
Pero é que non é verdade que non houbesen cambios. Por exemplo, no medio dunha marea agoniante de ascenso da ultradereita en toda Europa, os neofascitas seguen fora do Parlamento galego, e isto non é cousa menor aínda que non se diga moito. Tamén que no bloque da alternativa, sobre todo na campaña de Ana Pontón, vimos fraternidade, confianza e esperanza no País; non sempre foi así e tampouco se di moito. Así mesmo, e por se houbera algunha dúbida, quedou patente que Galicia ten unha dinámica política de seu por moitas explicacións peregrinas de analistas e enviados especiais dos medios de Madrid.
Faltan datos e se necesita tempo para pensar como pode ser o proceso de cambio pero podemos dicir que seguen vixentes algunhas cousas que levaron a vitoria electoral de Touriño e Quintana. Cousas como que os partidos son importantes, que o sectarismo resta e sobre todo que a cultura de cambio non é cousa só das organizacións políticas. A vitoria do 2005 non foi a dun bipartito, realmente foi un tripartito. Estaban o PSdeG e o BNG pero estaba, tamén, unha morea de xentes de todo tipo que querían cambio pero que non eran exactamente nin dun nin doutro partido. Unha sociedade civil que aínda estaba moi mobilizada despois do Nunca Máis dun par de anos antes. Son os SOS Sanidade Pública, as asociacións contra a minería depredadora, as foliadas e Festivais de Pardiñas, etc… as que crean esa cultura de que as cousas poden ser distintas, de que a autonomía´non é unha cousa só do PP.