Xosé Cuns Traba
O activista social Xosé Cuns Traba (Santiago 1967) iniciouse como voluntario na súa mocidade e dedicou moitos anos a temas de cooperación internacional en entidades como Oxfam Intermon, Mans Unidas ou Estudantes Solidarios. Formado en administración e dirección de empresas, dirixe en Santiago a Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN en inglés), unha entidade que destaca pola denuncia e reivindicación a favor das persoas en situación de pobreza e exclusión social. Xosé Cuns ten claras cales son as causas da pobreza e as medidas que hai que tomar para loitar contra ela, como o establecemento dunha Renda Mínima Estatal e a tarxeta básica.

Xosé Cuns, director en Galicia de EAPN, denuncia o “rexeitamento social cara ás persoas pobres” e esixe “unha Renda Mínima Estatal para garantir condicións mínimas de supervivencia”

Que significan as siglas EAPN?
Corresponden a EUROPEAN ANTI-POVERTY NETWORK, é dicir, REDE EUROPEA CONTRA A POBREZA.

Trátase dunha rede de entidades do terceiro sector (non lucrativas). Asociacións e fundación que loitan a diario contra a pobreza e a exclusión social.

Cantas organizacións participan na EAPN GALICIA?
Comezamos esta andaina no 2008 e actualmente hai 33 organizacións participando de forma directa, membros de pleno dereito. Como exemplo, na directiva actual están: Provivienda, Federación Alzheimer Galicia, Fundación Érguete-Integración, Fundación Esplai, COGAMI e FEGADACE.

Participando indirectamente chegamos ata as 155 organizacións.

Moita xente en movemento…
Pois si. É certo que hai moitas persoas implicadas. Podémolo entender tendo en conta que segundo datos oficiais o 23 % da poboación de Galicia está en risco de pobreza e/ou exclusión social.

Unha vida digna, un emprego digno

E que se fai en concreto na EAPN a parte do que xa cada organización fai en por si?
Fundamentalmente, co traballo en rede, faise incidencia política, o que chamamos “loby”. Incidimos maiormente en tres eidos:

1.º Na defensa dos dereitos das persoas, na lexislación, no que afecta á pobreza e inclusión como por exemplo no Ingreso Mínimo Vital, na RISGA, no emprego, inserción e vivenda.

2.º Na participación das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión organizando encontros onde sexan protagonistas e poidan expresar as súas opinións e inquedanzas. Tratamos de que sexan escoitadas e de que as súas experiencias sexan recollidas co fin de elaborar mellores políticas e prestacións de servizos.

“Unha persoa en situación de pobreza ten dereito a un ingreso mínimo sen necesidade de control, un sostén que non lle faga sentirse culpable”

3.º Incidencia das entidades e o propio sector social (asociacións e fundacións) xa que fai falla un maior recoñecemento e financiación por parte das administracións públicas. As organizacións do 3.º sector son imprescindibles para calquera política de loita contra a pobreza e exclusión social. Tamén é preciso que a financiación lles posibilite manter uns salarios dignos aos traballadores deste sector.

Coméntaseme que gran parte da xente, e incluso moitos políticos, teñen a crenza de que as persoas son pobres pola súa culpa.
Efectivamente. É o que se chama “aporofobia”. É un término acuñado pola filósofa Adela Cortina en 1995 e que no 2017 pasou a formar parte do dicionario da RAE. Defíneo como “odio, aversión, rexeitamento cara ás persoas en situación de pobreza ou desamparo, que cando menos, en aparencia, non poden devolver nada a cambio”. Di Adela Cortina que estamos afeitos ao de ”hoxe por ti mañá por min” . Segundo isto, os pobres molestan porque non nos ofrecen nada interesante. Tamén considera Adela que non hai un rexeitamento aos estranxeiros en xeral, senón aos que son pobres.

A culpabilización de ser pobre, ben por parte da xente ben por parte da Administración, provócalles un aumento dos problemas ás persoas que padecen algún tipo de pobreza ou exclusión.

Emerxencia vivenda

Cal son os indicadores que definen a situación de estar en risco de pobreza e/ou exclusión?
Para responder a esta pregunta invítovos a consultar a páxina de EAPN Galicia www.pobreza.gal onde atoparedes un extenso informe do estado da pobreza en Galicia con datos sobre pobreza e exclusión e os indicadores que as definen. Algúns destes son: non ter capacidade para afrontar gastos imprevistos (650 €), non poder permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada, non poder ir de vacacións cando menos unha semana ao ano…

“O 23 % da poboación de Galicia está en risco de pobreza e/ou exclusión social”

Que acontece coa cesión da prestación de servizos sociais básicos a empresas con afán de lucro?
As entidades do Terceiro Sector caracterízanse por non ter ánimo de lucro e vemos inadmisible o enriquecemento na loita contra a pobreza e a exclusión. Cando se deixa completamente en mans da actividade empresarial, en moitos casos, acaba resentíndose a atención ás persoas vulnerables como tamén aos traballadores, maioritariamente mulleres, que adoitan estar remuneradas co salario mínimo establecido. Debería aumentarse a supervisión e primar a calidade antes ca o prezo do servizo que ofertan as empresas. Un exemplo claro de todo isto témolo no que está a acontecer nas residencias de maiores e no SAF (Servizo de Axuda Familiar).

Que nos podes contar sobre o funcionamento do Ingreso Mínimo Vital?
Levamos anos reclamando en España e na Unión Europea que debería existir unha Renda Mínima Estatal que permita que calquera persoa conte cuns mínimos para sobrevivir. Algo similar ao que ocorre coas pensións. Un dos problemas fundamentais pola que a loita contra a pobreza en España é pouco efectiva ven das enormes diferenzas entre comunidades autónomas e concellos. Segundo onde vives tes diferentes instrumentos para saír da pobreza. Vén sendo coma unha sorte de lotaría social.

Cando a pandemia, o goberno puxo en marcha o Ingreso Mínimo Vital. Unha excelente medida e cun certo impacto contra a pobreza pero moi inferior ao que se pretendía. Fíxose ás présas e sen coordinarse coas comunidades autónomas, concellos e organizacións do Terceiro Sector. O peor é que resultou un sistema moi burocrático e culpabilizador das persoas. Algo se retocou máis non o suficiente e agora temos a oportunidade de modificalo para mellor co cambio de ministro.

Entre outras cousas nós entendemos que unha persoa que estea en situación de pobreza ten dereito a un ingreso mínimo sen necesidade de control, un dereito e non unha obriga; un sostén que non lle faga sentirse culpable e que lle permita a inserción social, o acceso a un emprego digno, a servizos básicos, vivenda etc.

“Adela Cortina, acuñou o termo Aporofobia segundo o cal pobres molestan porque non nos ofrecen nada interesante”

A loita contra a pobreza é competencia das comunidades autónomas. A ese respecto que medidas se teñen posto en marcha en Galicia?
Houbo unha moi importante. Funcionou moi ben ata que inexplicablemente foi retirada. Era a chamada “tarxeta básica”. No prazo dunha semana podía ser tramitada en Servizos Sociais do concello. Era unha tarxeta moedeiro dotada cun máximo de 300 € mensuais destinados á compra de alimentos, produtos de farmacia e hixiene. Un dato que evidenciou a súa operatividade: o número de persoas que non podían consumir carne, polo ou peixe descendeu do 15 ao 3 %.

Se non hai tarxeta básica quen atende agora estas necesidades?
Os concellos teñen a responsabilidade respecto das emerxencias (alimentos, hixiene, farmacia…), e non hai ningunha razón para facer campañas de recolleitas de alimentos porque teñen medios sobrados para atender as devanditas necesidades. A tarxeta básica cumpría perfectamente esta función. Cando politicamente se quere, pódese.

Máis información: www.eapn.es