Rosario Álvarez, actual presidenta do Consello, sobre esta iniciativa
Asínase estes días un convenio entre o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación Irimia para dixitalizar e facer universalmente accesibles na INTERNET a revista Irimia e os textos das Romaxes de Crentes Galegos e outros documentos expresivos da actividade da asociación desde o seu nacemento, a principios dos 80, até a actualidade. Así, a partir da Romaxe deste ano poderanse consultar todas as revistas na web, incluídas as máis vellas. Conversamos con Rosario Álvarez, actual presidenta do Consello, sobre esta iniciativa.

Como lles explicarías aos nosos lectores en que consiste exactamente esta actuación?
A dixitalización e a posta a dispor de quen queira destes fondos hemerográficos pretende tanto a preservación da súa integridade coma a difusión dos seus contidos, para coñecemento público desta parte do noso patrimonio e para uso dos investigadores e outras persoas interesadas. Non se oculta que tamén é unha forma de homenaxe, humilde e íntima, ás persoas e colectivos que botaron a andar este proxecto e que o sostiveron co seu traballo e o seu compromiso durante tanto tempo. Algunhas desas persoas xa non están fisicamente connosco. Outras, felizmente, acompáñannos colaborando nesta tarefa.

Ademais de preservar e difundir esta parte do noso patrimonio, é tamén unha homenaxe a quen o fixo posible

Para o país e a cultura galega, cal é o sentido e a importancia destes fondos abertos que o Consello da Cultura fai posibles?
Son parte do noso patrimonio cultural, pero non son importantes só por iso. Estes fondos documentan, día a día, semana a semana, mes a mes, feitos históricos, situacións, iniciativas, actividades, inquietudes, debates, protagonistas etc. que doutro xeito quedan ao azar da memoria duns poucos, con risco serio de esquecemento, de parcialidade ou de terxiversación. Por iso hai que custodialos, darlles soportes duradeiros, mostralos a todo tipo de públicos e ofrecelos aos estudosos en acceso doado desde calquera lugar.

Que outros fondos están xa dispoñibles?
O fondo hemerográfico dixital do CCG vai ampliándose continuamente en varias frontes. Por poñer outros exemplos do mesmo período, no que estamos moi interesados nestes anos con actividades diversas dentro da nosa programación, pódese acceder a A Nosa Terra e a Teima; e a Irimia aínda lle seguirán neste mesmo ano outras novidades. Desde hai xa bastantes anos vimos traballando en A Saia, proxecto do noso Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), que reúne as publicacións periódicas feministas e LGBTIQ+, e documenta a historia e vicisitudes destes movementos en Galicia. Ou, cun arco temporal moito máis amplo, pódese visitar o noso Repertorio de Prensa da Emigración, que compila centos de publicacións periódicas editadas por sociedades de emigrantes ou por persoeiros destacados da colectividade galega na Galicia exterior, e progresivamente vai dando acceso á dixitalización dos fondos.

Por que Irimia?
En liña co que dicía antes, Irimia documenta a existencia dun movemento de gran transcendencia nunha sociedade galega aberta ao cambio e á modernización, tamén de pensamento, ao tempo que recupera a liberdade e desfruta do exercicio de dereitos democráticos que lle foran roubados. Forma parte dese período que vai desde a fin do franquismo ata o presente, incluídos eses anos de fervedoiro de ideas e iniciativas que antecederon a redacción e aprobación do Estatuto, que o ano pasado cumpriu 40 anos.

captura páxina arquivo da emigración galega

Hai moita historia galega que ir sacando á luz, sistematizando, poñendo en común para o futuro…
Pois si, neses “fondos” que se dixitalizan e poñen a disposición pública, chamo a atención sobre a importancia dalgúns tipos de documentos para os que necesitamos colaboración de todos. Enténdase ben que nós pedimos poder dixitalizar e difundir, non quedar cos documentos.

O fondo hemerográfico dixital vai ampliándose continuamente: A Nosa Terra, Teima, Irimia…

Un deles é o das cartas, que conteñen sempre informacións que non aparecen noutros soportes. Temos en permanente desenvolvemento o proxecto Epístola, que convido a visitar: nel imos poñendo a disposición correspondencia epistolar entre figuras da cultura galega; pero tamén no Arquivo da Emigración Galega (AEG) vai medrando un fondo epistolar que conta como ninguén a vida, aspiracións, frustracións, sentimentos… dos emigrados e das súas familias.

Que outros proxectos ou actividades do CCG en marcha che gustaría salientar?
Por exemplo, estamos nutrindo continuamente o fondo do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), e non só con música: emisións radiofónicas, entrevistas, conferencias, paisaxes sonoras etc. Moitas voces perderanse para sempre se van para o lixo as gravacións que aínda as conservan.

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) arquiva e conserva todo tipo de materiais que documentan as reivindicacións e os debates –tamén os atropelos– sobre os dereitos lingüísticos e os procesos de normalización e normativización. Sen dúbida, a pesar do esforzo, no fondo faltan aínda moitos materiais efémeros (pasquíns, adhesivos, carteis, boletíns, pancartas, fotografías…).

E, aínda que podería seguir, remato co fondo fotográfico. Desde o AEG puxemos en marcha o “Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega”, que pretende axudar a reconstruír e conservar esa parte da nosa memoria colectiva, composta maioritariamente por homes e mulleres que non saen nos libros nin nas crónicas culturais e políticas da diáspora. O noso Álbum de Galicia pretende documentar tamén con materiais gráficos as biografías das persoas destacadas. E o mesmo poderiamos dicir de moitos outros proxectos –propios ou alleos– que teñen como obxectivo preservar, estudar, valorizar e difundir o patrimonio cultural galego de todos os tempos.

Na medida das nosas forzas, desde o CCG ofrecémonos como espazo de enlace entre o arquivo privado e a preservación para dispoñibilidade pública.