Finalizamos a publicación do documento de FAIGA (Fagamos Igrexa Galega) co que se pretende ofrecer unha base sinxela para abordar a transición ao galego na vida das comunidades e parroquias do noso país

3. Documentación parroquial en galego: administración, taboleiros artísticos e de avisos, redes sociais…

O uso normal da lingua galega debe chegar a todos os ámbitos da vida da comunidade. Unha medida importante e fácil de poñer en práctica é dispoñer dos documentos administrativos na nosa lingua e ofrecelos aos usuarios.

O uso da lingua galega debe tamén estar presente na comunicación da parroquia coa diocese, e da diocese coa parroquia, e máis cando sexan documentación que logo chega aos fregueses.

4. Documentación da catequese en galego: Novo testamento, evanxeo diario, guías didácticas.

Non só as actividades que envolven á asemblea ou a grandes grupos son importantes na normalización da lingua galega. As actividades, como a catequese, nas que se implican pequenos grupos de persoas poden ser moi importantes precisamente porque son experiencias persoais, íntimas. Hoxe dispoñemos de abundantes materiais en lingua galega destinados á distintos ciclos da catequese de nenos, mozos e adultos.

usar de entrada con naturalidade o galego nas reunións é “oferta positiva” e serve para “desocultar” as persoa galegofalantes

A cartelería que chega ás parroquias é importante usala en galego. Un taboleiro de anuncios en galego, ou mesmo os carteis das festas patronais, cos nomes dos santos en galego, e co nome da parroquia en galego. É algo sinxelo e que axuda, e mesmo se lle pode axudar ás comisións de festas (cando se poidan ter).

5. Usar de entrada o galego nos encontros e reunións da parroquia.

Unha medida fácil pero moi eficaz é usar de entrada e de forma natural o galego nos encontros e reunións da parroquia. Isto tamén forma parte da “oferta positiva” e terá o efecto inmediato de desocultar as persoas galegofalantes.

Tamén é importante facelo na casa dos veciños e veciñas: unha visita, un compartir superando diferenzas, axuda. Falar o galego non só no momento litúrxico, tamén no fogar da veciñanza. Mesmo é unha boa axuda preguntar polo significado dalgunha palabra se non se entende. Preguntar o significado dálle máis valor ao que o fregués e a freguesa fala.

6. Responder ás demandas dos fregueses que pidan a liturxia en galego: bautizos, funerais, …

Esta é unha das primeiras medidas que se deberían poñer en práctica como norma. É unha forma de manifestar o aprecio non só pola lingua galega, senón tamén pola familia que o demanda, unha maneira de manifestar aprecio e que se conta con ela. Pero para que non quede nunha anécdota ocasional e como algo exótico, convén aproveitala para identificar persoas aliadas e comezar a establecer relacións de colaboración.

Ofrecer sempre esa posibilidade, mesmo antes de que sexa solicitada. Axuda deixarlle claro aos fregueses e freguesas que será respectada a súa demanda aínda que de momento non a manifestasen. É unha porta que se abre.

7. Ofrecer ás familias a posibilidade de facer a liturxia en galego.

Entre as primeiras medidas dunha acción normalizadora do uso da lingua galega estaría esta. Trátase de ocasións nas pode ter peso o papel da familia: bautizos, casamentos, exequias…

xente

8. Facer de forma estable algunhas partes da liturxia en galego ou algunhas celebracións en días e horas non marxinais.

É outra acción fácil e xa se fai en moitas igrexas, incluso catedrais, onde por exemplo, se reza habitualmente o Noso Pai en galego. Mellor algo que nada! Ollo! Non se trata de perpetuar a situación actual e contentar a algún fregués raro ou despistado, mantendo a lingua galega nunha posición subalterna. Pero debe ser benvida como primeiro paso dun uso normalizado e maioritario do galego. Se o animador da comunidade é galegofalante sería fácil comezar pola homilía e as lecturas. Se este persoa non se sente segura no uso do galego, pode comezar polas partes que se fan “polo libro”, o que resulta fácil, cunha mínima preparación.

No caso de parroquias que fan unha misa á semana en galego, é conveniente que esa misa non sexa sempre a minoritaria. Sería bo facer algunha rotación, para que non crear compartimentos separados ou guetos para a liturxia en galego.

é conveniente non crear compartimentos separados ou guetos para a liturxia en galego

Tendo en conta que a xente que con normalidade vén ás celebracións é xente maior, pode ser necesario ir con moito coidado, xa que esa xente, que ten moi memorizadas as respostas en castelán, e que non ten moita axilidade xa para facer un cambio, podémolas enmudecer, quitarlles a palabra, a única palabra que neste momento eles e elas teñen e quizais poden ter. Por iso, pode optarse por empezar en galego en elementos ou partes de audición: lecturas, canon, cantos…, para que pouco a pouco a xente vaia entrando, e deixar para o último as respostas da Misa.

Algunhas desta opcións é importante facela nos días de festas patronais, usando música en galego. Tamén aquí hai que animar os acompañantes musicais a que o fagan en galego, e poderase comprobar como en pouco tempo os fregueses gustan de usar esas mesmas cantigas.

Esta oferta musical en galego é moi importante facela nas celebracións relacionadas coa morte (visita e oración no tanatorio, enterro, cabodano, día de defuntos)

9. Facer de forma regular toda a liturxia en galego.

Esta parece unha situación de chegada, de meta, de maneira que toda a liturxia, a vida pública da comunidade, se desenvolve en lingua galega (cos subsidios necesarios para acoller a xente que non entenda). Convén non esquecer que ningunha conquista é definitiva e todo pode volver atrás ou desaparecer se o ambiente non axuda. A renovación e a participación activa da comunidade son as mellores defensas.

Favorecer a participación dos fregueses nas celebracións con monicións, lecturas, peticións de perdón, pregarias, credo, accións de grazas… Son moitas as ferramentas que neste senso se poden atopar nas web. Por exemplo en oscotos.eu

10. Estimular e apoiar a formación de equipos de laicos/as responsables en liturxia, catequese, consello parroquial etc.

Convén tamén que nisto superemos o clericalismo no que fomos educados. Para que estas accións teñan futuro e non dependan só da presenza dun crego, por importante que esta sexa no momento presente, deberán ser tarefa de grupos de laicos que participen regularmente de todos os ámbitos da vida da comunidade.

Poñer un calendario coas celebracións do mes ou da semana en galego no que aparezan os nomes das persoas polas que se vai rezar axuda pois toda a veciñanza vai ler e con boa frecuencia estes recados.

Esta mesma importancia vese reflectida na publicación das contas da parroquia, pois tamén é algo que os veciños gustan de ver. As contas da parroquia non son algo que pasa desapercibido aos fregueses.