Logo da aterradora incursión de Hamás, Yoav Gallant, ministro de defensa de Israel, pronunciou unhas palabras reveladoras: “Estamos loitando contra animais humanos e procederemos en consecuencia”.

Se existen as leis da guerra, a convención de Xenebra, o Tribunal Penal Internacional, o dereito internacional humanitario e, como fonte de todo o demais, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, é porque toda persoa é, por principio, irmán/irmá, membro da gran familia humana que formamos, diversa pero igual en dignidade. Tamén nas guerras. Esa é a grande aspiración moral na que se funda toda aquela arquitectura legal. En termos relixiosos: fillas e fillos do mesmo Deus con distinto nome.

Masacrar implica unha “pedagoxía criminal” cos “teus” para que maten e mutilen os “outros” sen escrúpulos humanitarios

Para masacrar, convén facer “pedagoxía criminal” no propio grupo, para que os teus electores acepten o teu crime, para que os teus soldados maten e mutilen os “outros” sen escrúpulos humanitarios. Non funciona o de matar inocentes se non convencemos os nosos artilleiros e bombardeiros de que “todos os outros” son culpables directos do mal que nos foi causado e de que, se non son culpables directos, se, por un dicir, son meniños, vellas con andador, enfermos crónicos, doutoras, enfermeiros e mulleres preñadas…, é, con todo, un mal necesario e, ademais, un mal menor, porque non son coma nós, son infrahumanos.

Os españois deshumanizaron os “salvaxes” americanos –para desespero de De las Casas– ; o roubo de nenos e nenas na Australia aborixe xustificouse polos colonizadores británicos na inferioridade esencial da súa raza, cultura e crenzas; a Alemaña nazi fixo dos xudeus unha subhumanidade non merecente da vida; os negros de Norteamérica e da Sudáfrica do apartheid eran unha especie distinta.

Os xenocidios necesitan esa coartada (in)moral. Por iso precisamos luces na noite, voces potentes na dirección oposta: humanizar. Como a do director e pianista xudeu-arxentino-palestino, Daniel Barenboim, creador, xunto co filósofo e activista palestino Edward Said, da West-Eastern Divan Orchestra, que reúne novos talentos musicais palestinos, árabes e israelís. Barenboim retrucou o seu ministro cun artigo titulado: Se negamos a humanidade dos demais, estaremos perdidos.

Houbo máis voces. O primeiro ministro de Escocia, Humza Yousaf, musulmán de orixe palestina, con familiares directos en Gaza, falou na sinagoga Giffnock, preto de Glasgow, ataviado cunha kipá hebrea na cabeza. Alí deulle unha aperta á nai dun escocés que vivía en Israel e que foi asasinado no ataque sorpresa de Hamás. Dixo: “Quero que saibades que este primeiro ministro, que é orgullosamente musulmán, comparte a dor das nosas comunidades xudías. O voso corazón roto é o meu corazón roto. A vosa perda é a miña perda. As vosas bágoas son as miñas bágoas.”