Ir a Santa Minia
Érache unha alegría
Ías pola mañán
E botabas todo o día

Así di a copla popular e así podiamos cantar nós, que fomos para a carballeira da Santa Minia celebrar a Romaxe e ben que botamos todo o día, igual que se fai no propio día da santa e mais en todas as Romaxes. E ao botar o día todo, aínda nos deu para ir ata o bar e parolar algo coa xente de por alí. Sabedes que a nós nos interesa moito reparar ben en como se fala alá a onde imos. E compartilo convosco, cos que non fostes, ou cos que fostes pero non reparastes.

A Santa Minia está no concello de Brión, pertencente á área fisterrá norte, onde se emprega o seseo en toda a súa plenitude (tanto din sinco, como din des) e a gheada (aleghría, ghato ou algho). Tamén son dos que din irmán (para home e muller: meu irmán / miña irmán) ou mazán e os que fan os plurais en -ns (xamóns, pantalóns…). Mais… coidadiño porque… en que falantes estamos a pensar exactamente cando tratamos disto? Porque de Brión é un lote de rapazada que naceu nas urbanizacións que están arredor d’Os Ánxeles e que, de falaren galego, o máis probable é que o fagan sen trazos dialectais propios da zona. Mesmo os que son de alí non os empregarán. O que pasa nesas urbanizacións é que non hai xente que nacese neste concello, senón que se xunta a diversidade de persoas que se achegan á urbe e escolleron estas cidades dormitorio para vivir. E cadaquén ten a súa variante dialectal, que pode ser mindoniense, lucu-auriense, tudense, etc. E esas persoas teñen fillos e fillas que, no caso de falaren galego…, que variante falan? Pois, polo que levamos analizado –non de xeito rigoroso, simplemente facendo sociolingüística de orella–, falan un galego bastante neutro, moi parecido ao estándar. Aínda que só usen a lingua de Rosalía na casa, e non na escola, moitas e moitos non empregan trazos dialectais. E entendémolo. As escolas e institutos urbanos seguen a ser lugares hostís para a rapazada galegofalante e, aínda que ultimamente se traballa algo nos temarios de secundaria o prestixio das variantes dialectais, queda moito por sachar porque aínda sofren moitas burlas se lles escapa a gheada ou o seseo…

O caso é que mentres quedamos reflexionando sobre o futuro das variantes dialectais do galego nestas áreas periurbanas e urbanas, tamén pensamos en como transmitimos pezas da cultura popular. De verdade que hai que ser fiel á lingua oral cando esta foi deturpada? Nós pensamos que non, por iso vos deixamos esta na versión “normativizada”, mudando *escalvitú e *salú:

Teño que ir a Santa Minia
Teño que ir á Escravitude
Teño que lles ir dar as grazas
Que me deron a saúde